A RAG e a Consellería de Cultura asinan un convenio de colaboración

O convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2017 foi asinado hoxe en San Caetano polos responsables de ambas as institucións. Este novo marco permitirá á RAG avanzar en distintos proxectos e traballos no eido da lexicografía, a gramática ou a sociolingüística, ademais de facilitar a organización de diversas actividades culturais e académicas.

No centro da imaxe, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañados polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Fonte: Xunta


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta mañá en San Caetano o convenio, que permitirá seguir traballando na consolidación dos servizos que a RAG presta ao conxunto da sociedade galega en materia de normalización lingüística.

A celebración do Día das Letras Galegas, a edición das publicacións científicas da Academia e a adquisición de publicacións e documentación para fornecer os fondos bibliográficos e arquivísticos de acceso público son outras das accións que apoia o convenio asinado hoxe nun acto no que tamén participaron o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.