A RAG celebra o aniversario de Rosalía o 22 de febreiro cunha homenaxe literaria e musical

A Real Academia Galega celebrará o mércores 22 de febreiro o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha homenaxe literaria e musical. O músico Roi Casal interpretará poemas da escritora musicados por el mesmo nun acto no que tamén haberá recitados dos seus versos a cargo de Rosalía F. Rial, Ánxeles Penas e os académicos Marilar Aleixandre, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo.

Detalle do convite do acto literario e musical en homenaxe a Rosalía de Castro


A celebración terá lugar a partir das 19:30 horas no salón de actos da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña).

A entrada é libre ata completar aforo. É impresdincible retirar previamente o convite na sede da RAG no seguinte horario: o martes 21 de febreiro de 10:00 a 13:30 horas pola mañá e de 16:30 a 19:30 pola tarde; e o propio mércores 22 de febreiro de 10:00 a 13:30 horas.

A homenaxe deste mércores non é a única iniciativa da Academia arredor do aniversario da escritora fundacional das nosas letras contemporáneas, nada o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela. O Arquivo da institución puxo a disposición do público a comezos deste mes a súa colección de imaxes da autora, a máis completa das existentes, a través do Arquivo Dixital de Galicia.