A RAG organiza esta cita desde 2016 co apoio da Deputación de Pontevedra e o museo provincial. Nesta ocasión, o programa afondará nos nomes propios da ciencia e a intelixencia artificial, as agrupacións de música tradicional e o mundo dos fanzines. Xa no apartado das intervencións didácticas, presentarase unha proposta sobre os nomes que se lles impoñen na actualidade aos animais de compaña. A xornada rematará cunha actuación do contador Celso Sanmartín.
A importancia da motivación social e persoal
A académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, membros do Seminario de Onomástica da RAG, coordinan un ano máis unhas xornadas que constitúen unha cita ineludible no campo do estudos dos nomes propios, que desta volta porá o foco no estudo doutras ramas distintas ás principais desta ciencia: a toponomástica (estudo dos nomes de lugar) e a antroponomástica (estudo dos nomes de persoa). “Son os nomes propios que reciben outros elementos do mundo que o ser humano bautizou: animais, obxectos persoais e comunitarios, conceptos culturais, descubertas da ciencia... O estudo destes nomes baséase non tanto na etimoloxía das palabras usadas para nomear, como nas referencias sociais e persoais que motivan a súa utilización, referencias que tamén nos definen como pobo e que nos encadran nas culturas do noso arredor”, explican.
O programa en detalle
A primeira metade da mañá centrarase na ciencia. O neurofisiólogo e comunicador científico Xurxo Mariño ofrecerá unha intervención titulada Da víbora de Seoane á estrela Rosalía. Deseguido, as lingüistas Elisa Fernández Rei e Adina Ioana Vladu, e mais a enxeñeira Carmen Magariños Iglesias, do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, centraranse no caso das intelixencias artificiais que falan galego e os xeitos de nomealas.
A partir das 11:30 horas, Anxos García Fonte, do IES Breamo de Pontedeume, presentará unha aproximación aos usos contemporáneos nos nomes de animais desde a escola, e ás 13:00 horas a filóloga e tocadora Noemi Basanta profundará nas denominacións dos grupos de pandeireteiras. Ramón Mariño Fernández pechará a primeira parte da xornada cunha intervención sobre os nomes nos fanzines galegos desde 1990 até a actualidade (13:30 horas).
Xa pola tarde (16:30 horas), Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, falará sobre os nomes do ceo. Tras un tempo de debate, ás 17:30 horas será a quenda do contador e poeta Celso Santamartín, cunha actuación titulada Dicir o nome e esperar o eco.
Publicacións
As anteriores Xornadas de Onomástica Galega estiveron dedicadas á cultura popular (2023), a onomástica literaria (2022), os nomes propios no Camiño de Santiago (2021), os nomes comerciais (2020), os das rúas (2019), os alcumes (2018), os nomes e apelidos (2017) e a microtoponimia (2016). Os libros que recollen as achegas de cada edición poden consultarse en versión dixital de descarga gratuíta na sección de publicacións de academia.gal, no apartado do Seminario de Onomástica.