As académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez coordinan a nova edición da Xornada de Onomástica Galega. Os encontros, organizados co apoio da Deputación de Pontevedra, estiveron dedicados noutras ocasións á microtoponimia, aos nomes de persoas e apelidos e aos alcumes. Desta volta, o protagonismo será para os nomes das rúas, que tamén portan información da historia colectiva. "Hai dous tipos principais de nomes de rúas: os descritivos, que adoitan recoller un topónimo anterior ou reflicten unha construción (unha igrexa, unha estación, etc) e os conmemorativos, moito máis simbólicos, que sitúan a comunidade nun contexto social, político ou cultural", explica Ana Boullón.
A xornada servirá para afondar na conformación na Idade Media dos nomes de rúas galegas, co foco posto nos casos de Santiago de Compostela e Baiona, e como o seu control significou a apropiación simbólica do espazo público por parte do poder. Abordaranse ademais os procedementos actuais para nomear as novas vías urbanas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín.