A exposición 'Os mundos de Carlos Casares' bota a andar en Ourense

As celebracións do Días Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor Carlos Casares, hai semanas que empezaron a activarse por toda Galicia da man de asociacións culturais, concellos ou centros escolares. No Centro Cultural José Ángel Valente, en Ourense, inaugurouse onte a exposición dedicada ao homenaxeado, promovida pola fundación que leva o seu nome e patrocinada por distintas institucións. Tras a súa estrea na localidade natal do autor, viaxará polas principais cidades galegas e finalizará en Xinzo de Limia, unha das pequenas patrias de Casares, onde este ano a Real Academia Galega celebrará a súa sesión extraordinaria o próximo 17 de maio.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, intervén durante a inauguración da mostra


A mostra Os mundos de Carlos Casares foi inaugurada nun acto no que tomaron a palabra Gustavo Garrido, comisario da exposición xunto a Chus Martínez; o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez; Häckan Casares, que interveu en nome da Fundación Carlos Casares e da súa familia; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González.

Cunha montaxe de madeira creada polos arquitectos Covadonga Carrasco e Xoán Creus, a exposición percorre a traxectoria vital e literaria de Carlos Casares en cinco etapas a través de centos de documentos relacionados co autor e cinco pezas audiovisuais creadas para a ocasión. Os mundos de Carlos Casares poderá verse ata o 21 de maio na capital ourensá.


Imaxe de parte da mostra que pode verse ata o 21 de maio en Ourense. Fonte: Fundación Carlos Casares