A exposición 'Antonio Fraguas, memoria dun soño' arrinca na biblioteca Ánxel Casal

Santiago de Compostela foi un dos espazos vitais esenciais do protagonista do Día das Letras Galegas 2019. A cidade onde pasou as últimas décadas da súa vida acolle desde hoxe a mostra Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, unha exposición de doce paneis organizada pola Xunta de Galicia que nos vindeiros meses poderá verse noutras once localidades galegas. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na biblioteca Ánxel Casal na inauguración da mostra, un percorrido pola vida e a obra do autor do Día das Letras Galegas que arrica na súa Insuela natal, en Cotobade, e remata coa posta en marcha do Museo do Pobo Galego e os recoñecementos que mereceu nos seus últimos anos de vida.

Detalle do panel de presentación da exposición


"Antonio Fraguas representa a esa xeración que se preocupou por que non se perdese a memoria e, por tanto, que non se perdese a lealdade dun pobo coa súa propia cultura, coa súa propia lingua", salientou o presidente da Academia na súa intervención. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, definiu pola súa banda o homenaxeado como unha "figura humanista" que entronca co sentido do Día das Letras Galegas, "o acontecemento cultural que máis contribúe a vertebrar o país".

Justo Beramendi, presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, o proxecto ao que Antonio Fraguas lle dedicou as últimas décadas da súa vida, salientou a importancia de iniciativas que, como esta mostra, serven para difundir valores positivos relacionados co homenaxeado entre a xente nova que a poderá ver en bibliotecas ou os centros de ensino. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, puxo o acento na gran "capacidade docente" de Fraguas dentro e fóra das aulas, un perfil, o de transmisor de coñecemento, ao que tamén fixo referencia a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra. Coma ela, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción por que o Día das Letras Galegas deste 2019 estea dedicado a un veciño ilustre da vila.

Tras facer parada en Santiago de Compostela, a exposición poderá verse tamén en Arteixo, A Coruña, Celanova, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e, da man da Fundación Otero Pedrayo, Amoeiro.