A Real Academia Galega coorganiza o congreso internacional do centenario do pasamento de Pardo Bazán da man da Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega co apoio da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña. O programa continuará mañá e pasado con achegas arredor da relación da autora coa ciencia, a Galicia do seu tempo e o feminismo. Todas as sesións poderán seguirse, coma estes días, dende academia.gal ou nas respectivas canles de Youtube das institucións anfitrioas.
«Pardo Bazán identificou o decoro como un obstáculo para as aspiracións das mulleres e a súa realización como suxeitos desexantes», salienta Marilar Aleixandre, que incluíu no volume A educación do home e da muller e outros escritos feministas, coeditado pola RAG e o Parlamento de Galicia, o artigo que a escritora publicou sobre este concepto en 1915 na revista La Ilustración Artística. A súa impugnación deste atranco atinxiu —detalla a académica e profesora ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela—, catro dimensións: a exposición pública e a ambición que demostrou fronte ao recato que se agardaba das mulleres, a emancipación como escritora profesional, a apropiación de territorios masculinos en canto aos temas da súa escrita e a linguaxe.
«A construción da súa identidade como escritora, que supón unha deconstrución de representacións sociais, realízase tanto explicitamente na súa propia voz, en ensaios e en artigos, como a través da ficción», concreta. E neste exercicio Pardo Bazán usurpa ou invade territorios masculinos, «facendo seus todos os temas, incluso os innombrables que, máis alá dos referentes ao desexo sexual e ao pracer das mulleres, abraguen todo o relacionado coas súas experiencias físicas, como parir ou aleitar, e os de carácter teórico, vedados ás mulleres», engade a académica.
Marilar Aleixandre pon tamén o acento no feito de que Emilia Pardo Bazán, ao contrario do que fixeron outras mulleres escritoras do XIX como George Eliot ou George Sand, nunca recorreu ao anonimato ou a se agochar baixo un pseudónimo de varón para publicar as súas obras, un xesto que se interpretou naquel momento como un exercicio de inmodestia. A catedrática da Universidade de Nova York Jo Labanyi incide nun aspecto relacionado con isto na súa ollada ás páxinas da revista Nuevo Teatro Crítico (1891-1893), «unha empresa singular no sentido literal», xa que Pardo Bazán redactou a totalidade dos seus doce números ao ano, de máis de cen páxinas cada un, e empregouna como unha ferramenta de autopromoción, defende a especialista en literatura española anglosaxoa.
«Propoño que a revista foi concibida por Pardo Bazán como un instrumento de publicidade para a súa obra e figura pública. A súa creación permitiulle ser a súa propia axente literaria, ademais de construír unha imaxe de feminista militante e, ao mesmo tempo, católica entusiasta. De todos os escritores do s. XIX español, probablemente foi quen mellor entendeu a importancia da “publicidade periódica”, nas súas palabras, para a carreira literaria», sostén Jo Labanyi, que falará tamén, na xornada de clausura no Consello da Cultura Galega, do feminismo de Pardo Bazán e as súas contradicións.
A proxección pública que Emilia Pardo Bazán buscaba chegou a finais do século XIX ata os Estados Unidos, e tampouco neste caso a propia autora foi allea á difusión da súa figura e obra á outra beira do Atlántico, expuxo a catedrática da UNED Ana María Freire López, que presentou o seu estudo da imaxe da persoa de Pardo Bazán e do que se dixo da súa obra na prensa norteamericana daquel momento.
Tras a presentación de diversas comunicacións, o académico Ramón Villares pechou pola tarde a derradeira xornada na sede da RAG do congreso, que continúa o xoves na Universidade de Santiago de Compostela e o venres Consello da Cultura Galega. O historiador e catedrático emérito da USC ofreceu un relatorio centrado na condición de Pardo Bazán como intelectual na crise do 98. A autora, que se situou nunha postura rexeneracionista, foi a única muller que participou no informe sobre oligarquía e caciquismo que o Ateneo de Madrid lle encargou a Joaquín Costa e desenvolveu tamén a súa posición en moitos artigos de prensa, especialmente nas conferencias que pronunciou en París, Valencia e Ourense, lembra.
Ramón Villares sostén que o claro posicionamento público que demostrou en relación con esta crise lle deu a Pardo Bazán, alén do perfil de escritora, o de intelectual. «Nin Unamuno se expresou como ela fixo, nin Azorín, nin moitos dos que coñecemos como Xeración do 98 se expresaron coa contundencia e co rigor que ela se expresou sobre esta crise nacional», conclúe.
O resumo da primeira xornada do congreso está dispoñible nesta ligazón e a da segundo, nestoutra.