Da relación de Pardo Bazán con Galicia e Rosalía ao nexo coa autora de 'A idade da inocencia'

O Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois continuou na sede da Real Academia Galega e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán cunha serie de relatorios que abordaron diversos aspectos da relación da autora e a súa obra con Galicia e Rosalía de Castro, a súa visión do impacto da modernidade no s. XIX ou o seu europeísmo. O programa da segunda das cinco xornadas do encontro afondou tamén, entre outros temas, nos puntos en común entre Pardo Bazán e a escritora norteamericana Edith Warthon, primeira gañadora do Premio Pulizter; e nas cartas que a homenaxeada dirixiu en 1889 á xa finada Gertrudis Gómez de Avellaneda, a quen a Real Academia Española tamén rexeitou como académica, para denunciar o trato inxusto da institución cara ás mulleres.

Ermitas Penas, profesora ad honorem da USC, trazou no seu relatorio senllos retratos de Pardo Bazán e Edith Warthon como mulleres avanzadas ao seu tempo e autoras de contos. A escritora española e a creadora d’A idade da inocencia foron dúas mulleres moi cosmopolitas e viaxadas, con vocación literaria temperá, cultivadoras de todo tipo de xéneros e que gozaron do éxito en vida. Como autora de contos, a produción da galega foi moito máis fecunda (escribiu máis de 600 contos e Warthon non chegou aos 90), se ben os da neoiorquina adoitaban ser bastante máis extensos. A filóloga presentou a súa análise das reflexións sobre os relatos de ambas as creadoras, que seguen a ter vixencia tanto tempo despois, destaca. «As dúas reflexionaron sobre tan difícil xénero e nas súas meditacións críticas sobre a forma e o contido do conto non deixan de observarse concomitancias rechamantes que adquiren unha modernidade plena, xa que coinciden coas dos especialistas e narratólogos actuais», afirma.

O programa da segunda das cinco xornadas coorganizadas pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela arrincou cun relatorio de Javier López Quintáns, profesor desta institución, sobre as imaxes da modernidade, da industrialización e do capitalismo na obra xornalística de Pardo Bazán. «A autora mergúllase na difusións dos achados tecnolóxicos nos medios de comunicación baixo contextos da agonía da herdanza colonial e de preocupación polas feridas da descolonización, e mais do atraso en comparación con outras nacións europeas nas que a industrialización e os procesos de mecanización propendían á auxe dun sistema capitalista», contextualiza.

A continuación, Íñigo Sánchez Llama, catedrático da Universidade Purdue, profundou na experiencia do urbano en Emilia Pardo Bazán en diálogo con Walter Benjamin. As evidentes diferenzas socioestéticas entre as dúas figuras —o filósofo, impulsor dunha teoría crítica da modernidade, ela «promotora entusiasta desa mesma modernidade burguesa para facilitar a rexeneración moral de España»—, non impiden percibir «as afinidades suxestivas» entre ambos os autores, defende o investigador, que tamén se refire á experiencia viaxeira que Pardo Bazán, compartida con Benjamin. Outro trazo en común é a «minuciosa reflexión crítica sobre o fenómeno urbano moderno» que manifestaron unha heterodoxia análoga na formulación da súa obra crítica e cuxo «eclecticismo de estirpe cosmopolita», engade Sánchez Llama, non sempre foi entendido nos seus respectivos círculos literarios.

Ás viaxes de Pardo Bazán referiuse tamén Marisa Sotelo, catedrática da Universidade de Barcelona, nun relatorio centrado no europeísmo da escritora. «Foi unha convencida europeísta primeiro porque axiña se familiariza con Europa, desde nena, a través da lectura de autores franceses: Flaubert, Victor Hugo, Zola...; despois porque recibe educación nun colexio francés e finalmente pola súa actividade viaxeira constante. Tiña unha curiosidade incombustible e, aínda que tamén reivindicaba o pracer de viaxar por viaxar, para ela as viaxes eran unha fonte de coñecemento, que lle permitía absorber todo aquilo que ela cría que podía mellorar a cultura española», apunta.

1/10

Pardo Bazán e Rosalía
Pilar García Negro abriu a primeira quenda de intervencións da tarde, dedicada á relación de Pardo Bazán con Galicia, cunha comunicación titulada “Unha ollada sobre a Galiza en tres discursos: Castelar, Emilia Pardo Bazán, Gaspar Núñez Arce”. A profesora honoraria da Universidade da Coruña ofreceu unha análise do discurso sobre Rosalía de Castro que Emilia Pardo Bazán pronunciou o 2 de setembro de 1885 no Liceo de Artesáns da Coruña semanas despois do pasamento da autora fundacional das letras galegas contemporáneas, na que foi a súa estrea como oradora. A investigadora rexeita o «tópico estendido» de que Pardo Bazán valorou na súa xusta medida Cantares gallegos e minusvalorou ou desprezou Follas Novas, e que o discurso pronunciado aquel día celebrase a Rosalía. Sostén que empregou en realidade aquela tribuna para proscribir a visión antiespañolista que lle imputaba á obra rosaliana e ás letras galegas que emerxían en pleno Rexurdimento: «Dona Emilia aplica toda a súa perspicacia en condenar, desde a súa lóxica unitarista e supremacista, o perigo da literatura galega renacente como xerme de indesexábel e nefasto separatismo».

Pilar García Negro puxo o discurso de Pardo Bazán en relación co prólogo de Follas Novas de quen fora o presidente da I República, Emilio Castelar; e as palabras pronunciadas en 1886 por Gaspar Núñez de Arce na sesión de apertura das cátedra do Ateneo de Madrid, baixo o título “Estado de las aspiraciones del regionalismo en Galicia, país vascongado y Cataluña”. A profesora conclúe que «a Galicia real é a grande incomparecente» nos tres discursos que teñen en común debuxar «unha auténtica construción da Galicia pro domo sua».

A continuación, a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama, Premio Nacional de Ensaio do Ministerio de Cultura pola súa biografía de Rosalía, detívose nalgúns temas en común da obra das dúas autoras galegas, malia pertenceren a dúas xeracións diferentes. A investigadora explorou os posibles puntos de contacto a través de El caballero de las bota azules e as primeiras novelas de Pardo Bazán, nas que emerxe un tema central para ambas: a chamada cuestión femenina como debate arredor da educación da muller e do papel desta na sociedade.

«A través dalgúns personaxes de ambas as autoras obsérvase a súa posición moi similar en relación á reivindicación dunha educación igualitaria das mulleres», sitúa María Xesús Lama. Pero as dúas non só teñen «a ousadía de defender decididamente os dereitos das mulleres», tamén critican «determinados modelos de mulleres que asumen os ditados dominantes sobre o seu rol na sociedade, especialmente en ambientes burgueses e aristocráticos», e que se converten en “preciosas ridículas”, engade a investigadora. A dúas consideraban que ditos comportamentos eran «produtos da obediencia aos principios do patriarcado e que desembocaban na infantilización e a limitación dos recursos de supervivencia, ata o punto de xerar unha lacra para o desenvolvemento da sociedade no seu conxunto».

A relación de Pardo Bazán con Galicia contou ademais coas achegas de Olivia Rodríguez e Carlos Francisco Velasco Souto, da Universidade da Coruña, e António Apolinário Lourenço, da Universidade de Coimbra. Olivia Rodríguez presentou dúas calas na proxección da autora sobre a narrativa galega do seu tempo; Carlos Francisco Velasco, unha análise da súa visión da sociedade rural galega en Los Pazos de Ulloa; e António Apolinário Lourenço, outro percorrido pola Galicia rural desde esta mesma novela ata as Torres de Meirás.

A segunda xornada acolleu tamén unha contribución arredor das cartas de Pardo Bazán a Gertrudis Gómez de Avellaneda sobre as mulleres e «la cuestión académica» a cargo de Olga Guadalupe Mella, da Universidade de Pennsylvania; Luis González García (UDC) e Rosario Soto Arias (IES Eusebio da Guarda) presentaron un documento inédito que achega nova luz sobre La piedra angular; e Emilia Pérez Romero, profesora do Liceo Leonardo da Vinci de Saint-Witz, falará da luz na narrativa naturalista da protagonista do congreso.

 

Contidos relacionados

Resumo da primeira xornada do congreso

Resumo da terceira xornada do congreso

Gravación da cuarta xornada do congreso

Quinta xornada do congreso

Inauguración da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade