No ano 2019 unha representación da Real Academia Galega viaxou a Río de Janeiro. Foi recibida solemnemente na Academia Brasileira das Letras por toda a corporación. Presidía a institución Marco Lucchesi, que algún meses antes visitara a sede da RAG na cidade da Coruña. Mais a nosa introdutora, a nosa referencia na lusofonía do Brasil, a nosa embaixadora era Nélida Piñon. A xornada resultou especialmente emocionante. Nélida, ademais de presentar a academia galega aos seus colegas brasileiros, salientando a significación da visita, fixo un percorrido pola propia biografía, a memoria dos seus pais e dos seus avós, a lembranza sentida do seu tempo vivido na aldea galega, onde a levou a súa familia cando tiña dez anos. “Cando viaxo pola miña lingua portuguesa”, explicou, “irremediablemente procuro as miñas raíces naquela aldea de Galicia”.
A aldea chámase Borela, localidade do concello de Carballedo-Cotobade, a poucos quilómetros de Pontevedra, de onde procedían os seus pais e os seus avós. A parroquia toda non chega a catrocentos habitantes, daquela se cadra algúns máis. Como tantos emigrantes galegos, os pais de Nélida levaron a filla a que coñécese a terra dos seus devanceiros, as raíces da memoria. A pegada que deixou a experiencia marcaríaa para sempre. Á beira do río Almofrei e á sombra do Pé da Múa, “que para min daquela era o Annapurna”, bromeaba despois, “descubrín o mundo, as vellas palabras da tribo, as raíces do que somos e de onde vimos”, algo que a acompañaría para sempre. Imposible explicar “A república dos soños”, sen dúbida o seu gran romance, sen ese universo de fondo.
Viaxaba a Galicia con frecuencia, sen esquecer nunca a súa terra de Cotobade. Evoco agora a súa memoria, cando xa non está connosco, e lembro o seu ingreso como académica de honra na RAG o 28 de marzo de 2014, cun discurso no que falou de moitas destas cousas e ao que respondeu o académico Ramón Villares. A última vez que nos visitou foi en setembro de 2022 cando o ingreso na RAG de María Rosa Lojo, filla de emigrantes tamén, igual ca ela. Nélida asistíu á ceremonia e viaxou despois, na compaña da escritora Marilar Aleixandre, ao mar da Fisterra, a extrema máis occidental do vello mundo, que desexaba visitar. Vímola entón algo cansa, mais co sorriso aberto de sempre, interesada en todo, chea de curiosidade. Segundo nos explicou Marilar, foi unha viaxe moi emocionante, na compaña da doutora Karla Silva. Ollada agora cunha certa distancia e sabendo o que veu despois, o seu falecemento en Lisboa, non podemos evitar a sensación de que viña a despedirse de nós.