O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, conversan tras a sinatura do convenio
Ao abeiro deste convenio, a Deputación da Coruña apoia tamén a continuación do proxecto sobre prácticas lingüísticas na infancia en diferentes contextos de socialización, un traballo que está a desenvolver o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. O proxecto Primavera das Letras, que fornece o alumnado de infantil e primaria de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, e diversas publicacións son outras das accións desenvolvidas pola Real Academia Galega que reciben financiamento da Deputación da Coruña.
O presidente da RAG agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña, que permite que a institución "continúe a desenvolver proxectos que teñen como obxectivo final cumprir coa responsabilidade da Academia de defender e promocionar a lingua e a cultura galegas". "Este convenio que acabamos de renovar incide ademais en dous aspectos que a RAG considera fundamentais: as persoas máis novas, nas que reside o futuro do idioma, e a súa proxección exterior", concluíu.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, destacou o compromiso da institución "coa promoción e difusión da lingua galega, en especial nas xeracións máis novas, que son as que teñen que garantir e afortalar o camiño cara a normalización lingüística". Goretti Sanmartín destacou o proceso de perda de falantes entre as xeracións novas e fixo fincapé en programas como "O Galego a miña lingua propia" da Deputación da Coruña, que convida a mozas e mozos a empregar a nosa lingua con normalidade.