A colección Letras Galegas publica 'O auto da costureira' e unha escolma de versos de Manuel María

La Voz de Galicia presentou esta mañá na Real Academia Galega Manuel María. Palabra viva de amor e afirmación, edición conmemorativa do Día das Letras Galegas a cargo da profesora e escritora Mercedes Queixas Zas. O volume, incluído na colección Letras Galegas, recolle unha antoloxía poética do escritor homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2016 e O auto da costureira, peza teatral publicada en 1973.
Mercedes Queixas, responsable da edición
Mercedes Queixas, responsable da edición, intervén na presentación do libro acompañada na mesa por Xosé Luís Vilela, Xesús Alonso Montero e Santiago Rey Fernández-Latorre. Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia


O acto arrincou coa Muiñeira de Florencio, o cego dos Vilares, no violín de Cibrán Seixo e os versos de"Terra Chá" na voz da poeta Eva Veiga, quen tamén recitou versos que Manuel María dedicou á súa compañeira Saleta Goy, convidada de honra no acto. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da fundación que leva o seu nome; o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, e Mercedes Queixas compartiron a mesa de presentación da obra, que o xornal distribuirá o vindeiro 17 de maio.

Alonso Montero cualificou o libro como unha "ferramenta" feita con rigor "que vai contribuír ao mellor coñecemento e á difusión da obra literaria de Manuel María, un legado que inclúe poemas tan populares como "O carro", co que arrincou a súa intervención Xosé Luís Vilela. "Estes versos son de todos, e para un poeta seguro que non hai gloria maior que facer que os seus versos sexan de todos. Iso é o que fai un poeta universal", salientou.

Pola súa banda, a responsable da edición destacou que o conxunto da monumental obra de Manuel María, así como a implicación social e política nos seus diferentes ciclos vitais, convérteno "no referente intelectual galego da segunda metade do século XX". "O país habita a súa obra, é imposíbel comprender unha sen o outro. Home e poeta ao redor do mesmo centro de gravidade: a terra. O ser", expresou.

Tras un percorrido biográfico pola vida de Manuel María, a escolma poética que inclúe o libro arrinca co poema "Prego dos dezanove anos". A composición forma parte do seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas, co que se converteu, no ano 1950, no primeiro poeta novo en publicar en galego na posguerra, e conclúe con "A casa erguida con xisto e cantería", dos Sonetos á Casa de Hortas, a obra que lle dedicou nos anos noventa á casa na que naceu e onde se criou, hoxe convertida en Casa-Museo Manuel María. O máis de medio cento de poesías seleccionadas dan conta das distintas etapas e liñas poéticas do universo creativo do autor, desde o existencialismo dos primeiros tempos, a apertura á paisaxe de Terra Chá, a poesía de denuncia e combate dos versos de "Acuso á clase media" e a defensa do idioma de "A Fala" ata a expresión máis íntima e humanista da súa madureza.

O acto rematou coa interpretación do Himno
O acto rematou coa interpretación do Himno. Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia