A homenaxe dará comezo ás 11:00 horas no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) e concluirá coa entrega dos premios do I Certame de relato breve A Erbeda, organizado pola asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea e que conta coa colaboración da Academia. O concurso recupera o topónimo literario que Pardo Bazán lle deu a este barrio coruñés e réndelle tamén homenaxe á autora, que dominou con mestría a arte dos contos curtos.
A lectura colectiva incluirá fragmentos de relatos como "El encaje roto", novelas como Memorias de un solterón e La tribuna, de artigos ou de correspondencia que a autora lle enviou a Benito Pérez Galdós. A escolma pretende amosar a variedade de rexistros que Emilia Pardo Bazán cultivou ao longo da súa vida como creadora literaria e como intelectual crítica coa realidade social do seu tempo.
O acto comezará cunha lectura a cargo do presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes e o concelleiro José Manuel Lage Tuñas en representación do Concello da Coruña, institución coa que a RAG está a coorganizar o ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo. Tamén participarán a académica Marilar Aleixandre, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, o editor Eduardo Riestra, a profesora da Universidade da Coruña especialista en estudos de xénero Antía Pérez Caramés, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés Rodríguez e membros de Guías de Galicia.