Elva Rei, viúva de Uxío Novoneyra, intervén na presentación da edición de Os Eidos da Biblioteca de Mesopotamia
A presentación tivo lugar na sede da Fundación Uxío Novoneyra e durante o acto nomeáronse, por primeira vez, dous bibliotecarios de honra do selo: Roberto Varela, actual director de relacións culturais e científicas da Axencias Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, e Elva Rei, presidenta da fundación e viúva do escritor, ao que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2010.
A nova edición d'Os Eidos inclúe un dicionario novoneyriano, titulado "As cores do ucedo", realizado por Emilio Araúxo. O editor, que se entrevistou e conversou con Novoneyra ao longo de máis de quince anos, trae á luz neste texto cuestións ata o momento inéditas sobre o proceso de xestación deste título fundamental da poesía galega do século XX, saído do prelo por primeira vez en 1955. O volume conta ademais cunha introdución de Olga Novo, unha das grandes especialistas na obra do escritor courelao, e unha serie de caligramas relativos ao poemario.