Biblioteca

A biblioteca da RAG: os espazos físicos e as diferentes seccións

A biblioteca da Real Academia Galega distribúe os seus espazos en diferentes seccións: monografías, publicacións periódicas e materiais especiais, ademais de ofrecer unha sala de consulta para os usuarios.

A biblioteca da RAG tivo ao longo da súa historia diferentes sedes, sempre na cidade da Coruña. Dende a súa fundación en 1905 ata 1920 tivo a súa localización no número 38 da rúa Rego de Auga. A continuación trasladouse ao edificio do Concello na Praza de María Pita e permaneceu alí ata o ano 1978. Posteriormente estableceu a súa sede no número 11 da rúa Tabernas da cidade herculina, onde permanece na actualidade, nun edificio do século XVIII que no seu día pertenceu á escritora Emilia Pardo Bazán. Dentro deste edificio de cinco plantas, que comparte con outros departamentos da institución, ocupa gran parte das instalacións, ademais de dispor de parte dun almacén noutro inmoble da mesma cidade.

O edificio de Tabernas ofrece unha sala de consulta na terceira planta para os usuarios que decidan facer uso dos servizos bibliotecarios dun xeito presencial, sala que abrangue, ademais dun espazo para a investigación e un posto de atención ao público, unha sección de referencia de libre acceso, con predominio do fondo galego e un estante coas obras relacionadas coa figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, actualizada anualmente. Nunha sala contigua, o persoal bibliotecario leva a cabo, entre outras tarefas, as relacionadas coa descrición, conservación e difusión dos fondos.

A biblioteca está organizada en seccións segundo as características propias dos diferentes materiais: monografías, publicacións periódicas e materiais especiais, ademais da sección de referencia mencionada anteriormente. As monografías e publicacións periódicas ocupan, polo seu volume, a maior parte do espazo bibliotecario.

A sección de monografías inclúe uns 48.000 libros e preto de 19.000 folletos.

Os libros, monografías de 50 páxinas ou máis, están ordenados por número currens e instalados dende o ano 2010 en estantes compactos na planta soto do edificio. Este fondo, que abrangue dende o século XVI ata os nosos días, versa sobre as máis variadas materias, prioritariamente aquelas relacionadas coa cultura galega. Destaca o conxunto de obras que proveñen das bibliotecas particulares de intelectuais, como Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Luís Seoane ou Antón Villar Ponte, entre outros moitos.

Os folletos, monografías de menos de 50 páxinas, están ordenados igualmente por número currens e instalados en caixas de arquivo no 5º andar. Inclúense, entre eles, valiosos e interesantes exemplares sobre temas lingüísticos, literarios, históricos ou científicos.

A sección de publicacións periódicas ou Hemeroteca, instalada na 3º e 4º plantas, está formada por uns 100 títulos de publicacións en curso e uns 3.000 títulos de revistas e xornais que xa non se publican, entre os que destacan o fondo galego e o conxunto de títulos editados en América polas colectividades galegas na emigración.

A sección de materiais especiais, no 3º e 4º pisos do edificio, consta dunhas 1.300 unidades de música impresa, entre volumes encadernados e partituras soltas, das que hai que salientar o fondo que provén do compositor Marcial del Adalid e máis de 200 unidades de gravacións sonoras e material audiovisual en distintos formatos, como casete, vídeo, CD ou DVD.

Outros fondos susceptibles de formar parte dos materiais especiais da biblioteca, como manuscritos, fotografías, mapas, planos, carteis, debuxos ou gravados, están instalados noutros departamentos da institución, encargados da conservación dos materiais arquivísticos e museísticos.