Ramón Cabanillas asinou o texto autógrafo d'A man de Santiña o 7 de decembro 1918, só catro meses e medio antes da súa estrea na Coruña. Foi o propio Antón Villar Ponte, principal promotor do Conservatorio Nacional de Arte Galega, quen, na procura dun teatro culto que deixase atrás a tradición rexionalista, lle encargou a peza para o debut da compañía ao escritor cambadés, naquel tempo xa unha figura consagrada das letras galegas. O resultado foi "unha delicada comedia de amor" que se desenvolvía nun pazo e que "rompía coa tradición ruralista e presentaba en escena a persoas das clases sociais máis altas falando galego", resume a profesora Laura Tato Fontaíña na presentación do volume O teatro nas Irmandades da Fala, publicado en 2016 pola Real Academia Galega, nunha edición ao seu coidado, co gallo do centenario das Irmandades. "Era, por tanto, a primeira comedia contemporánea de costumes señoriais".
Ao abeiro de Enrique Peinador
O manuscrito d'A man de Santiña consta de 49 follas numeradas en encadernación holandesa en cartoné e tea. Escrito en tinta e con anotacións e correccións a lapis, presenta un superlibris no lombo coa lenda E. P. L, as iniciais de Enrique Peinador Lines. Esta procedencia, a de Peinador, é común a outros manuscritos do mesmo autor e demostra a estreita relación que mantiña co empresario e filántropo. De feito, a obra foi publicada por primeira vez, en 1921, na imprenta do balneario de Mondariz, onde Peinador ofreceu abeiro a Cabanillas e outros intelectuais galeguistas. Este foi tamén o escenario onde se desenvolveu, o 31 de agosto de 1920, a cerimonia de ingreso do escritor na Real Academia Galega.
Con esta nova adquisición, ademais de evitar que o manuscrito puidese acabar fóra de Galicia, a RAG arrequece os fondos que custodia dunha figura capital das letras galegas do século XX. Entre eles, xa contaba con outras dúas pezas dramatúrxicas: A Virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para ópera, a primeira ópera literaria galega, na que Cabanillas versiona para este xénero musical o poema narrativo do escritor do Rexurdimento e volve teimar na procura de novos espazos de expresión artística para o galego; e O Mariscal, obra asinada xunto a Antón Villar Ponte e centrada na historia de Pardo de Cela que ilustra tamén o empeño das Irmandades da Fala en facer do teatro un vehículo de propagación de símbolos colectivos ao servizo do seu ideario sociopolítico.