A Academia e o Concello de Tui abordan a celebración do centenario de Manuel Lago González

A Real Academia Galega e o Concello de Tui prevén colaborar na celebración do centenario do pasamento de Manuel Lago González, escritor, teólogo galeguista e membro da RAG natural deste municipio pontevedrés. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, recibiu na sede temporal da institución o seu alcalde, Enrique Cabaleiro González, quen solicitara o encontro de cara a abordar a conmemoración.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes, Enrique Cabaleiro e Rafael Sánchez Bargiela

Víctor F. Freixanes comunicoulle ao rexedor que a RAG ten previsto organizar en Tui un acto de lembranza do académico, quen chegou a ser arcebispo de Santiago. O presidente salientou o compromiso a prol da lingua galega do ilustre tudense, poeta, gran coñecedor de linguas e arqueólogo ao que a RAG lle dedicou o Día das Letras Galegas 1973.

Na xuntanza tamén participaron o vicesecretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o técnico de arquivo e biblioteca do Concello de Tui Rafael Sánchez Bargiela.