Pola esquerda, a conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso; a xerente de Marineda City, Ana López; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a académica coordinadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Fina Casalderrey. Fonte: RAG
"Parécenos moi importante profundar neste tipo de relacións entre a Academia e a sociedade civil, as entidades comerciais e empresariais, sobre todo das características de Marineda City, comprometéndose na normalización e no uso do idioma e na promoción e divulgación da cultura galega", expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na rolda de prensa posterior á sinatura do convenio. "A figura de Emilia Pardo Bazán forma parte tamén do patrimonio histórico da nosa institución", engadiu.
"Marineda City sente unha especial vinculación coa figura de Emilia Pardo Bazán, que se traduce na súa denominación, e desexa potenciala a través deste convenio", manifestou a xerente do centro comercial, Ana López Rodríguez. "A súa sinatura supón un paso máis na reafirmación do centro comercial como impulsor da vida cultural da comunidade autónoma e reforza a aposta de Marineda City por Galicia", engadiu a xerente, que lembrou que o 60 % das empresas implantadas no centro comercial son de orixe galega.
Velada na casa de Emilia Pardo Bazán polo seu 166 aniversario
A primeira velada arredor da figura da escritora terá lugar o vindeiro 29 de setembro na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, ubicada na primeira planta do edificio que os descendentes da autora lle cederon á Real Academia Galega, institución da que Emilia Pardo Bazán foi presidenta honoraria no momento da súa fundación (1906). A cita traerá ao século XXI o espírito das veladas literarias da época na que viviu Emilia Pardo Bazán e combinará a lectura de textos de autora coa música do grupo De Vacas, que se achegarán coa súa frescura do século XXI á figura de Emilia Pardo Bazán 166 anos despois do seu nacemento. A parte culinaria correrá á cargo da cociña de Iván Domínguez, do restaurante coruñés Alborada, distinguido cunha estrela Michelin, que ofrecerá unha reiterpretación das receitas da escritora.
No marco deste encontro daranse ademais a coñecer as bases dos premios literarios e fotográfico que patrocinará Marineda City, e que serán entregados na segunda velada cultural anual, en 2018, detallou Ana López Rodríguez. A xerente do centro comercial engadiu que no marco deste convenio Marineda City ofrece á RAG un espazo no centro comercial para que a institución poida difundir as súas actividades.
Os xoves da rúa Tabernas
As novas iniciativas que permitirá desenvolver o convenio asinado esta mañá súmanse a outras accións desenvolvidas desde a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán como os faladoiros Os xoves da rúa Tabernas. A nova tempada do programa arrincará esta tarde, ás 17 horas, cunha conversa na que participarán o presidente Víctor F. Freixanes e o académico correspondente e especialista na obra da escritora José Manuel González Herrán. A charla xirará arredor de Marineda e outras cidades literarias.