Tribuna

9 de marzo, o Día do Galego no Bierzo

Naceu esta celebración como unha marca de consolidación doutro evento que a súa vez foi resposta e prolongación no tempo tanto das Xornadas da Lingua e Cultura Galegas no Bierzo coma da homenaxe que Martín Sarmiento tivo no 2002, ano que a Academia Galega escolleu para honrar o sabio ilustrado co Día das Letras Galegas. Para evitar confusiois e significar esta data, a Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, sendo a súa organizadora, decidiu apostar polo día 9 de marzo, día do natalicio de Pedro José García Balboa nesta vila, para a realización anual das denominadas Xornadas Martín Sarmiento na procura dunha continuidade do conxunto de iniciativas que arredor da obra e o modus operandi do frade bieito se puxeron en marcha co cambio do milenio coa lingua galega como protagonista. É por iso que unha das actividades específicas e máis sinaladas deste Día do Galego no Bierzo se leva a cabo nos centros de ensino da comarca (tamén incluímos a Escola de Idiomas de Ponferrada), especialmente naqueles que imparten o Programa de Promoción do Galego.

Este ano 2023, despois da pandemia que imposibilitou durante dous anos a celebración do evento, as XV Xornadas Martín Sarmiento retoman o seu formato habitual, que facía confluír en Vilafranca todos os 9 de marzo centos de escolares bercianos de distintos niveis para conmemorar a data cunha serie de actividades de intercambio lúdico-didácticas, que contan cunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Dúas novidades presenta o Día do Galego no Bierzo este curso: facelo coincidir coa entrega dos Premios Antonio Fernández Morales (tamén de carácter escolar) e desprazar os actos a outra vila berciana, a vila de Cacabelos, onde viviu e está soterrado este último autor, como seguramente saberán, coñecido por publicar en 1861 máis de 8000 versos no galego oriental baixo o título de Ensayos poéticos en dialecto berciano.

Por que esta insistencia no mundo do ensino? Pois por unha razón moi sinxela. A ensinanza atópase na vangarda da reivindicación desde que no 2002, tras dunha longa demanda da sociedade civil, comeza a funcionar na comarca o Programa de Promoción do Galego no Bierzo grazas a un acordo asinado polas autoridades educativas da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León como consecuencia do logro de incluír no estatuto de autonomía castelán-leonés a protección do galego nos territorios galegofalantes. 

Levamos os bercianos logo muitos anos luitando pola implantación dese Programa de Promoción. Unha mostra do éxito do mesmo é que aos oito anos da súa introdución con carácter voluntario xa se lograra unha matrícula que superaba os mil alumnos/as, salvando diversos atrancos e eivas que ben merecen un artigo á parte. Existe a necesidade de abordar unha reforma de consolidación e ampliación de dito programa que, tras dúas décadas de aplicación, vimos reclamando tanto o profesorado que imparte as aulas coma os colectivos como a Comisión Cultural Martín Sarmiento ou Grupo Médulas para a lingua e cultura galegas do Bierzo, promotor dos Premios Antonio Fernández Morales.

Efectivamente esta vangarda precisa dun apoio que procuramos realizar tamén de vello, ademais de ir abrindo para o galego outros eidos máis aló dos lugares que por tradición eran e son os de uso acostumado ou tradicional da nosa lingua como son o ámbito familiar e veciñal. Neste aspecto, arredor desta data do Día do Galego nos centros de ensino do Bierzo logramos que distintos concellos e instituciois bercianas de índole sociocultural colaboren coa convocatoria e ofrezan o seu apoio. Debemos citar a este respecto un ente político, o Consello Comarcal do Bierzo, único ente comarcal con estatuto oficialmente recoñecido na Comunidade Autónoma de Castela e León e que logramos acuda á Comisión de Seguimento do Programa de Galego, que en 2018 aproba por unanimidade Decálogo Novos Espazos para o Galego no Bierzo, fruito dos debates e mesas de traballo aos que asisten docentes, entes culturais e políticos e que denominamos As Arelas de Sarmiento, que forman parte das Xornadas do 9 de marzo.  

Nos alicerces do Día do Galego no Bierzo a Real Academia Galega desempeñou un papel destacado, tanto antes coma despois de celebrarse o Día das Letras Galegas do 2002, pero singularmente ese día, baixo a presidencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández, interviñeron non por casualidade destacados académicos coñecedores da situación sociolingüística do Bierzo, falamos de Francisco Fernández Rei e Xosé L. Méndez Ferrín. Aquel plenario da Academia, ao que asistiu o presidente da Xunta de Galicia, realizouse na propia Vilafranca do Bierzo, en calidade de vila natal do homenaxeado, e marcou certamente un camiño.  Hai que dicir que de xeito continuado pasaron polo Bierzo os distintos presidentes da institución. Mais aló das visitas protocolarias, vimos traballando na concreción dunha serie de iniciativas procurando un acordo con distintas entidades bercianas de grande interese a prol do galego nesta comarca que anunciaremos ao seu debido tempo e esperamos estean en marcha antes da celebración do próximo Día do Galego no Bierzo.

Héctor M. Silveiro Fernández
Membro correspondente da RAG polo Bierzo e coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo