Fotogalería Dicionario
Na primeira sesión da Academia tras a elección de Ponte Blanco como presidente, o 30 de xuño de 1924, renóvase a comisión encargada da elaboración do dicionario da Academia. Os designados son Eladio Rodríguez, Manuel Lugrís Freire e Leandro Carré Alvarellos. César Vaamonde, o principal responsable da redacción e doutros traballos asociados, queda excluído desta comisión probablemente por discrepancias nos criterios de edición, e decide abandonar. Así e todo, a nova comisión non debeu de chegar a funcionar e os cadernos do dicionario seguíronse realizando da mesma maneira.
Acta da Xunta Ordinaria da Academia do 30 de xuño de 1924. Retrato de César Vaamonde Lores. Real Academia Galega. Arquivo
Ao se cumprir vinte anos da creación da Real Academia Galega, o seu principal obxectivo, o dicionario, seguía sen estar rematado. A necesidade social de posuír unha obra lexicográfica era cada vez máis patente, e para encher este baleiro comezan a aparecer os anuncios de distintas publicacións. Así, a editorial Lar, propiedade de Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal, anuncia nos primeiros meses de 1926 a saída do dicionario do primeiro. En 1928 aparecerá o primeiro volume e haberá que agardar até 1931 para ter o segundo.
"Un dicionario galego". A Nosa Terra. 221 (1/II/1926), p. 4. Real Academia Galega. Hemeroteca
Diccionario galego-castelán (1928), de Leandro Carré Alvarellos. Real Academia Galega. Biblioteca
É probable que a curiosidade lexicográfica de Eladio Rodríguez nacese vencellada á elaboración do dicionario da Academia, xa que se adoita datar entre 1907 e 1911 o comezo dos labores na súa propia obra, período no que participa na Comisión clasificadora. En 1927 a prensa anuncia a creación da editorial Nós e avanza a publicación do Dicionario de Eladio Rodríguez nela. Malia un novo intento de publicación en 1933, non será até 1958, da man de Galaxia, que vexa a luz.
Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958). Eladio Rodríguez. Real Academia Galega. Biblioteca
"La editorial Nós. En beneficio de la cultura gallega". El pueblo gallego. 14/VIII/1927. Galiciana
Da mesma época son outras iniciativas como o Vocabulario popular galego-castelán de Filgueira, Tobío, Magariños e Cordal Carús, publicado por entregas en El Pueblo Gallego (1926), e o encargo de elaboración dun dicionario galego aos membros da sección rexional galega da Real Academia Española, Ramón Cabanillas e Cotarelo Valledor.
Vocabulario popular galego-castelán (1926). Real Academia Galega. Biblioteca
"Peneirando". A Nosa Terra 249 (1/VI/1928)., p. 9. Real Academia Galega. Hemeroteca
En vista de que a Comisión do Dicionario creada en 1924 era puramente nominativa e que César Vaamonde seguía a ser realmente o único encargado da obra, un grupo de académicos presenta a proposta de que na portada do Dicionario se consigne o nome do seu compilador e redactor, co obxecto de recoñecer publicamente o seu traballo e, probablemente, para suavizar o impacto da noticia da publicación do dicionario do presidente da Academia. O cambio era transcendente, xa que se pasaba de editar un dicionario institucional, con valor de norma do idioma, a avalar a obra persoal dun académico correspondente.
Sección oficial. Junta ordinaria del 22 de mayo de 1928. BRAG. 212 (1/I/1929), p. 164.
Entre medias, a Xunta de Goberno encargoulles un informe ao respecto a Manuel Amor Meilán e a Indalecio Varela Lenzano, que presentaron o 23 de xullo de 1928. Segundo eles, o Dicionario debía ser continuado pola mesma persoa que o comezou e co mesmo criterio, e recomendaban extinguir a Comisión do Dicionario. Este proposta apróbase na xunta do 12 de decembro de 1928: a Academia dáballe plena autonomía a Vaamonde Lores para continuar co agora “seu” dicionario. Porén non se volverá publicar ningún outro caderno e, anos máis tarde, a Academia tería que mercarlle á familia de César Vaamonde as papeletas do dicionario para poder recuperalas.
Extracto do informe de Amor Meilán e Varela Lenzano (1928). Isabel Seoane “Eladio Rodríguez González e o primeiro diccionario da Real Academia Galega”. BRAG. 362 (2001), 97-133


