Fotogalería Publicacións
Durante os anos da presidencia de Sebastián Martínez-Risco a Academia intensificou a súa actividade editorial e deu ao prelo numerosas publicacións, para o cal contou coa axuda económica de diversas institucións e tamén dalgúns particulares.
A primeira publicación aparecida nesta etapa tivo unha especial relevancia ao se tratar dunha homenaxe a Castelao coa edición da conferencia “Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura”, que o artista rianxeiro impartira no mes de marzo de 1920 na Coruña.
A publicación deste escrito en 1961 foi posible grazas á doazón ao Arquivo académico do manuscrito orixinal de Castelao e realizouse despois de obter o permiso da súa viúva Virginia Pereira que residía en Buenos Aires.
Cuberta de “Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura”.
Real Academia Galega. Biblioteca.
En 1965 saíu do prelo a edición dunha escolma de partituras de Marcial del Adalid que procedían do fondo deste compositor coruñés doado á Academia pola súa filla, María del Adalid.
O ano seguinte apareceu o Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea elaborado polo académico Ricardo Carvalho Calero. O libro estaba destinado ao ensino preuniversitario e contiña unha selección de textos con tradución castelá e noticia dos autores.
Real Academia Galega. Biblioteca.
En 1967 editouse o volume que recollía as actas das dúas asembleas galaico-lusitanas nas que participaran numerosos académicos. A primeira delas celebrárase en Braga no ano 1955 e a segunda na Coruña en 1961.
Xa na década dos setenta a Academia publicou unha homenaxe á revista Nós para conmemorar o seu cincuenta aniversario e mais a tradución de dous capítulos de Don Quixote de La Mancha realizada por Leandro Carré Alvarellos.
Real Academia Galega. Biblioteca.
Antes da presidencia de Sebastián Martínez-Risco só se publicaran uns poucos discursos de ingreso debido á permanente escaseza de medios que sufría a institución. Agora vaise facer un esforzo para levar ao prelo os inéditos grazas á axuda económica dalgúns concellos galegos, das colectividades galegas de América e da xenerosidade de particulares.
Algúns dos que se publicarán pertencían a numerarios que entraran a partir de 1960: Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Rafael Dieste, Xesús Taboada Chivite ou Uxío Torres Enciso. Mais outros pertencían a académicos que ingresaran tempo atrás —Castelao, Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey, Antón Vilar Ponte— e que polo seu interese se publicaban agora. O académico de honra Álvaro Gil Varela financiou a edición de varios deles.
Real Academia Galega. Biblioteca.
Coa creación do Día das Letras Galegas en 1963 a Academia inaugurou unha nova liña de publicacións dedicada á persoa á que cada ano se lle dedicaba a celebración. Estes opúsculos especiais consistían nunha escolma de textos acompañada dun breve estudo biográfico. A súa aparición moitas veces foi sufragada polo concello no que nacera a persoa homenaxeada.
Durante o período que estamos a tratar apareceron catorce destes opúsculos, aínda que para o primeiro Días das Letras, dedicado a Rosalía de Castro, a Academia non presentou ningunha publicación especial, pois iso só se converteu nunha práctica habitual nos anos seguintes.
Material gráfico das publicacións dedicadas a Eduardo Pondal, Francisco Añón e Marcial Valladares.
Real Academia Galega. Biblioteca.
O Boletín corporativo mantivo a súa saída coa publicación dun total de nove fascículos, que abranguían dende o número 339 ao 358. A pesar de que na década de 1960 a súa aparición foi moi irregular debido a dificultades económicas, a partir de 1970 a periodicidade fíxose regular e publicouse un número anual grazas á concesión dunha subvención pola Fundación Barrié de la Maza.
Nesta etapa obsérvase un aumento dos traballos consagrados á lingua e á literatura galegas, o que indica a progresiva conversión do Boletín académico nunha revista especializada en temas lingüísticos e literarios.
Durante estes anos apareceron as sete últimas entregas da colección de Documentos Históricos.
Noticia sobre o novo presidente da Academia nas páxinas do Boletín. BRAG 339-344 (abril 1961).
Real Academia Galega. Hemeroteca
Algúns dos fascículos do Boletín estiveron consagrados total ou parcialmente a unha figura relevante da cultura galega e contaron con artigos que estudaban a súa vida e obra.
O fascículo 339-344 contiña textos en homenaxe ao poeta e académico Ramón Cabanillas, falecido en 1959, e unha relación dos actos celebrados na súa memoria.
O Boletín 353-354 foi un monográfico dedicado por enteiro a frei Martín Sarmiento e incluíu a edición dun texto inédito do sabio bieito.
O número 357 foi unha homenaxe a Castelao no seu vinte e cinco cabodano e presentou a peculiaridade de ser o primeiro Boletín redactado enteiramente en galego.
O 358 xuntou varios traballos sobre Benito Jerónimo Feixoo para conmemorar os trescentos anos do seu nacemento.
Cabanillas, Sarmiento e Castelao no Boletín da Academia. BRAG 339-344 (abril 1961), 353-354 (1971-1972) e 357 (xaneiro 1975).
Real Academia Galega. Hemeroteca
O aumento das publicacións académicas fixo necesario realizar un esforzo para lograr a súa distribución. Se antes era propia institución a encargada de repartir os materiais que editaba —basicamente o seu Boletín—, o aumento do catálogo e a escaseza de recursos económicos obrigárona a procurar outras maneiras de distribuílas.
Durante a década de 1960 as publicacións da Academia estiveron presentes en varias feiras do libro coa colaboración doutras editoriais e librarías. Sabemos, por exemplo, que en 1965 se venderon na feira do libro de Santiago de Compostela coa colaboración da Editorial Galaxia.
En 1972 chegouse a un acordo con esta editorial viguesa para que fose ela a encargada de distribuír as obras editadas pola Academia, acordo que continúa en vigor a día de hoxe.
Publicacións da Academia incluídas no Catálogo da Editorial Galaxia para 1974.
Real Academia Galega. Hemeroteca


