Fotogalería Mudanzas
Na xunta extraordinaria celebrada o 9 de outubro de 1960 ante o retrato de Manuel Casás co adaxo de decidir o cargo de presidente saíu elixido por maioría Sebastián Martínez-Risco, aquel de quen Ramón Otero Pedrayo presaxiara que “podería ser co tempo un gran presidente”.
Martínez-Risco ingresara na Academia como correspondente en xaneiro de 1944. En marzo de 1950 elixiuse membro numerario e en abril de 1953 ingresou co discurso en galego O sentimento da xustiza na literatura galega. Dende ese momento, a súa implicación na vida académica non deixou de medrar. En 1958 promoveu a revisión das acepcións pexorativas da voz ‘gallego’ no dicionario da Real Academia Española.
Real Academia Galega. Arquivo
Sebastián Martínez-Risco foi o último presidente que exerceu até o mesmo día da súa morte. Baixo o seu mandato, incidiuse na renovación da institución coa entrada de persoas realmente implicadas no uso e defensa da lingua galega, alén de comprometidas coa nosa cultura, algunhas delas anteriormente vítimas da represión que sufriran penas de cárcere ou de exilio.
É certo que o cambio da Academia xa se tiña iniciado na etapa da presidencia de Manuel Casás. Mais baixo a súa presidencia foron propostos ata un total de vinte e seis novos académicos de número e 62 correspondentes, entre os que figuran Méndez Ferrín, Viñas Cortegoso ou Emilio González López.
Real Academia Galega. Arquivo
Entre os obxectivos do seu mandato expresou a necesidade de estreitar relacións cos países da mesma área lingüística e ultimar a redacción do Dicionario. Os primeiros acordos que se tomaron baixo a súa presidencia consistiron en designar unha comisión para ditaminar sobre os asuntos consultados á Academia, aceitar por aclamación a iniciativa de Fole de celebrar un congreso da lingua galega, publicar os discursos de ingresos inéditos, activar a redacción da gramática galega coa creación dunha comisión e editar unha breve antoloxía de textos galegos destinada ao ensino.
El Progreso, 5 de xuño de 1960, p. 8. Galiciana
Martínez- Risco enfocou o comezo do seu mandato na obtención de fontes de financiamento para a institución. Coa súa primeira visita a América en 1961 renova a proxección exterior da Academia que recibirá importantes achegas económicas das colectividades galegas. Os contactos cos concellos e as deputacións en busca de sostén económico foron constantes.
Baixo a súa presidencia acometéronse as obras de acondicionamento da casa nº 11 da rúa de Tabernas, onde, dous anos despois do seu pasamento, se instalou definitivamente a Real Academia Galega.
Real Academia Galega. Arquivo
Ente os méritos do seu mandato figuran a oficialización en 1963 do 17 de maio como Día das Letras Galegas, por iniciativa de Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, a aprobación das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas do galego en 1970 e 1971, e a propia galeguización da Academia, que comezou a expresarse a nivel oficial en lingua galega.
No entanto, non puido ver realizado o seu desexo de publicar unha gramática académica.
Real Academia Galega. Arquivo
O 24 de setembro Sebastián Martínez-Risco morría na Coruña. A bandeira galega cubriu o seu féretro e no final do seu enterro escoitouse o himno galego, tal e como el deixara mandado.
Real Academia Galega. Arquivo


