Fotogalería Sedes
A acta de constitución da Academia Galega sitúa esta primeira convocatoria no salón de actos da Cámara oficial de Comercio, na casa do Consulado, na Coruña. As reunións da xunta de goberno deberon celebrarse nesa institución até que no mes de novembro se aluga o piso principal do predio 38 da rúa Rego de Auga.
Así e todo, foi o salón de actos da Reunión de Artesáns o que acolleu as convocatorias públicas da Academia.
Expediente de obra maio de Rego de Auga 38 (1879). Fonte: Arquivo Municipal da Coruña.
Rúa Rego de auga ca. 1905. Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
Casa do Consulado, A Coruña (1903). Arquivo do Reino de Galicia.
O rápido crecemento da biblioteca da Academia provocou os primeiros problemas de espazo. A solución para este problema chegou en xullo de 1919, cando a corporación municipal acorda conceder á Academia espazo no segundo andar do Pazo de María Pita que comezara a construírse en 1908. O 1º de maio do ano seguinte a Academia estreaba a sede que habitaría case sesenta anos.
Sede da Real Academia Galega no Pazo municipal de María Pita (1950).
Real Academia Galega. Arquivo
Non demorou moito en aparecer a preocupación por acadar unha localización acorde ás necesidades de acomodación da biblioteca, o arquivo e a cada vez máis voluminosa colección da Academia. En 1928 a xunta de goberno de Eladio Rodríguez dirixía unha carta a Primo de Rivera interesándose pola construción do novo Pazo de Xustiza. A Academia propoñía que o vello predio da Capitanía se dedicase a acomodar o Arquivo Histórico de Galicia e a Real Academia Galega. A proposta non mereceu resposta.
Edificio da Capitanía xeral. Arquivo do Reino de Galicia
Investigadoras como Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda consideraron a posibilidade de que a biblioteca da Academia se salvase das queimas que se produciron na Coruña en agosto de 1936 grazas a residir nun organismo oficial.
Vida Gallega, e La Voz de Galicia. Real Academia Galega. Hemeroteca.
O arquitecto e académico Manuel Gómez Román, que ingresaba na Academia en 1951 co discurso Arte e arquitectura en Galicia, imaxinaba en 1952 un pazo para a Real Academia nas coordenadas da arquitectura rexionalista pola que el avogaba.
Fundación Penzol.
No ano 1949, José Luís Bugallal y Marchesi parece dar coa tecla para solucionar os problemas habitacionais da institución. Na rúa Tabernas existe unha “coruñesa casa” propiedade da marquesa de Cavalcanti, persoa “probadamente generosa y desprendida”, “sin descendencia ninguna”.
Comezan as xestións para acadar o legado da propiedade coa finalidade de establecer alí o museo Emilia Pardo Bazán.
Carta de José Luís Bugallal a Manuel Casás. 13 de agosto de 1949.
Real Academia Galega. Arquivo
Despois de tentear extraoficialmente as propietarias do inmoble da rúa Tabernas 11, en novembro de 1953 unha comisión académica integrada por José Luís Bugallal e Leandro Carré desprazouse a Madrid para visitar a Blanca Quiroga Pardo Bazán e Manuela Esteban Collantes. A comitiva acompañou a Marquesa de Cavalcanti e a Condesa de Torres de Cela a depositar unhas flores na sepultura da escritora.
Real Academia Galega. Arquivo
Os contactos con Blanca Quiroga e Manuela Esteban sucederanse até que en maio de 1956, en Madrid, no domicilio onde residían ambas señoras e ante notario, levouse a cabo o acto de sinatura da escritura de doazón da casa de Emilia Pardo Bazán. No acto representaron a Academia Ángel del Castillo, Sebastián M. Risco e Julio Rodríguez Yordi.
Real Academia Galega. Arquivo
A Academia aínda terá que agardar até 1971, ano da morte de Blanca Quiroga para a adecuación do predio de Tabernas 11 ás futuras instalacións da Real Academia Galega.
Real Academia Galega. Arquivo e Hemeroteca


