Mesa redonda con Pedro Feijoo, Ana Viéitez, Inma López Silva e María López-Sández.
Os académicos Marilar Aleixandre, Manuel Rivas, Olivia Rodríguez e José Manuel González Herrán entre o público.
Pola esquerda, Núñez Sabarís, Viéitez, Anxo Lorenzo, Henrique Monteagudo, María López-Sández, Pedro Feijoo e Inma López Silva.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, inaugura a xornada xunto á súa coordinadora, María López-Sández, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Edición conmemorativa do 175 aniversario de Pardo Bazán.
Público seguindo a xornada no salón de actos da Fundación Luís Seoane.
O profesor da Universidade do Minho Xaquín Núñez Sabarís impartiu a conferencia de apertura.
Mario Diz ao violín evocou musicalmente a intensidade dramática propia do xénero negro.
Un momento da conferencia de Xaquín Núñez Sabarís.
Mesa redonda con Pedro Feijoo, Ana Viéitez, Inma López Silva e María López-Sández.
O novelista Pedro Feijoo intervén na mesa Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa galega de hoxe.
O novelista Pedro Feijoo intervén na mesa Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa galega de hoxe.
A escritora Ana Viéitez intervén na mesa Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa galega de hoxe.
Pedro Feijoo e Ana Viéitez.
A escritora Ana Viéitez intervén na mesa Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa galega de hoxe.
Inma López Silva intervén na mesa Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa galega de hoxe.
Un momento da música explicada de Mario Diz.
María López-Sández posa con Carmen Alonso Polledo ante o lenzo de Pardo Bazán da artista.
«El sabor amargo y salado del crimen había quitado de mi paladar la insipidez de tedio. Sólo el crimen podía conseguir interesarme», confesa o protagonista de La gota de sangre (1911). Con Ignacio Selva, Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) deulle a réplica a Conan Doyle, pero o seu detective afeccionado non é unha mera copia de Sherlock Holmes. A escritora galega demostrou a súa personalidade propia nos títulos que fan dela a precursora do xénero negro en España, a faciana que reivindica a xornada que celebrou este 16 de setembro a Real Academia Galega co gallo do 175 aniversario do seu nacemento.
«En La gota de sangre, Pardo Bazán defende a través de Selva a intuición como xeito de descuberta, fronte ao método dedutivo de Holmes. Selva acaba ademais descubrindo que resolver un crime e impartir xustiza non son sinónimos, e isto está moi relacionado con outra característica da súa obra que tamén cultivou neste terreo: a ollada crítica á sociedade do seu tempo», resume María López-Sández, académica responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e coordinadora do encontro.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, lembra que esta celebración se enmarca na liña de traballo de investigación e divulgación da autora que desenvolve a institución. «A Academia mantén o seu compromiso co estudo e a difusión da figura e da obra de Emilia Pardo Bazán, que non por casualidade foi presidenta de honra da institución. Ademais de custodiar boa parte da súa biblioteca e mais o seu arquivo persoal, dedicámoslle á súa Casa-Museo o primeiro andar da nosa sede, no número 11 da rúa Tabernas, que foi o seu fogar na Coruña e onde están próximos a rematar os traballos de rehabilitación integral. Esta xornada é un exemplo claro da vontade que temos de reforzar a recepción do legado literario de Pardo Bazán entre o público contemporáneo e de ligala á cultura galega de hoxe, en diálogo con varias voces das nosas letras actuais», salienta o responsable da RAG en referencia á participación do escritor Pedro Feijoo e as escritoras Inma López Silva e Ana Viéitez nun encontro en que se lembrou a contribución ao xénero negro contemporáneo de Domingo Villar (Vigo, 1971-2022).
Monteagudo abriu, xunto a María López-Sández e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a cita que a RAG organizou co apoio económico do Goberno autonómico e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O núcleo temático do seu programa terá continuidade nunha exposición temporal na Casa-Museo cando esta reabra, fixando unha dobre fórmula de xornada mais mostra posterior que terá continuidade nos vindeiros aniversarios da escritora, explica a académica responsable.
Novela negra con perspectiva social
«Emilia Pardo Bazán sempre estivo moi atenta a todo fenómeno literario e acabou practicando a novidade que foi no seu momento a literatura policial. La gota de sangre está considerado un texto precursor da novela policial en España, pero coido que podemos ampliar o foco ao que chamaría os seus contos criminais», propón o profesor Xaquín Núñez Sabarís, que impartiu a conferencia da tarde. «Este conxunto de textos permítennos considerala unha pioneira xa non só da novela máis canonicamente policial, senón tamén da perspectiva máis social que estamos a ver no xénero negro que encaixa co xénero negro contemporáneo, tanto no caso galego coma no panorama xeral», engade o investigador da Universidade do Minho.
«Pardo Bazán aborda cuestións que teñen que ver co concepto de xustiza e coas desigualdades, sobre todo no que respecta á situación da muller. Retrata a sociedade desde o seu ángulo máis escuro e, coma nas novelas de hoxe, o centro non o pon tanto no enigma, senón na perspectiva máis antropolóxica do crime», engade.
Pedro Feijoo, figura imprescindible da novela negra galega contemporánea, coincide co diagnóstico e amosa a súa admiración pola escritora. «Temos moito que aprender de Pardo Bazán, como precursora do xénero negro. Publicar é unha responsabilidade, a conversa cos lectores ten que servir para algo. Por suposto que hai que entreter, pero coido que a literatura debería servir sempre como ferramenta social. E isto é algo que Pardo Bazán tivo clarísimo. Non se trata de dar respostas, senón de propoñer preguntas e que se produza un diálogo para tratar de entender un pouco mellor os problemas que temos diante», advirte o autor, que protagonizou a mesa redonda titulada Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa galega de hoxe canda Inma López Silva e Ana Viéitez.
Este exercicio de denuncia demostra a «muller valente» que Pardo Bazán foi, «decidida a ir cara adiante co seu discurso, por máis que houbese quen se incomodase». «Aínda hoxe, non tanto en Galicia pero si en España, estamos amarrados a unha industria editorial moi temerosa de que o público detecte algo como politicamente incorrecto», compara Pedro Feijoo.
«Xa que escribimos, debemos xerar reflexión», comparte Inma López Silva —autora de Por qué Asunta?, sobre o crime de Asunta Basterra—. «Da relación de Pardo Bazán co xénero negro interésame especialmente a súa fascinación polo crime e como é capaz de decatarse que está vivindo un momento esencial na evolución da antropoloxía criminal e do dereito penal en España —que repasa a súa amiga Concepción Arenal—, e que eses elementos serven para darlle unha nova volta á reflexión sobre a condición humana a través do mal», apunta. «Eses vínculos entre a arte literaria e o pensamento son moi difíciles de establecer mantendo a intriga e os demais elementos da narrativa criminal», valora.
Ana Viéitez abunda tamén na conciliación da temática social co entretemento. «Cen anos despois, a obra de Pardo Bazán resulta moi recomendable e amena para calquera lector de hoxe en día», opina a escritora, que acaba de debutar con Pacto de silencio. E para conseguilo, dona Emilia bebe, entre outras fontes, da narración oral. «No caso dos relatos ambientados en Galicia, está moi latente esa tradición dos contos truculentos que se transmitían oralmente, tal como indica no prólogo de “Un destripador de antaño”», identifica Núñez Sabarís, que tamén chama a atención sobre como Galicia adoita funcionar como motivo literario nestas historias, cuxa perspectiva popular vén ademais determinada polo feito de seren publicadas orixinalmente na prensa.
“El indulto” e os indultos: da violencia de xénero a Romasanta
Como parte da conmemoración dos 175 anos do nacemento de Pardo Bazán, a RAG agasallou o público da xornada cunha edición especial que recompila a novela curta La gota de sangre e os relatos “Un destripador de antaño” e “El indulto”. Este último é ademais un exemplo paradigmático da condición de Pardo Bazán como pioneira na denuncia da violencia de xénero, neste caso a través dunha historia en que critica o perdón legal a un asasino que promete reincidir.
“El indulto”, o relato elixido como base da primeira serie de reels escénicos que a Academia estreará este outono, remite unha vez máis á ética do dereito que tanto lle interesou á autora. «Desde a literatura, Pardo Bazán consegue dunha forma maxistral reflexionar sobre asuntos filosóficos complexos como o da pena de morte ou os indultos», insiste López Silva. Como autora de ficción e mais como articulista. Porque na prensa a autora coruñesa tamén deixou clara a súa oposición ao indulto de Manuel Blanco Romasanta, alcumado o lobishome de Allariz, no que se inspirou Pedro Feijoo para a súa última novela, Onde nacen as bestas. Nun momento en que todo o mundo aínda estaba seducido polas historias do romanticismo, ela foi das poucas voces valentes que se atreveron a dicir que Romasanta era un asasino desapiadado. En cada recanto ao que se asoma Pardo Bazán, dás cunha lección non só literaria», conclúe Pedro Feijoo.
Música
O músico Mario Diz, director da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela, achegou ao violín o contrapunto emocional da xornada de hoxe, recreando musicalmente a tensión, o suspense e a intensidade dramática propios do xénero negro. «As pezas seleccionadas son moi representativas do violín, que é un instrumento co que se poden facer multitude de efectos. Pódenos levar a certas sensacións ou sentimentos, e conecta moito coa linguaxe audiovisual. Parte dos temas que soaron aparecen no cine negro clásico, e tamén quixen introducir unha conexión galega», indica. O público puido escoitar así nas súas intervencións de música explicada desde unha peza de Bach a unha versión de “Lonxe da terriña” do violinista pontevedrés Manuel Quiroga, de quen Diz destaca o carácter expresionista do seu estilo.
Retrato de Pardo Bazán
A xornada do 175 aniversario de Pardo Bazán serviu para amosar por primeira vez nun acto da Casa-Museo o retrato da homenaxeada que Carmen Alonso Polledo doou á RAG, o acrílico sobre lenzo titulado “La palabra intrusa reescrita en la oscuridad sobre el retrato de Emilia Pardo Bazán“.


