‘Saúde e Terra, irmá(n)s!’ conmemora o centenario das Irmandades da Fala en Vigo nun verán para a memoria

‘Saúde e Terra, irmá(n)s!', a exposición promovida pola Real Academia Galega, a área de Cultura da Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, chega a Vigo grazas á colaboración da área de Cultura da Deputación de Pontevedra. Estará aberta na sede da Fundación Barrié ata o vindeiro 8 de setembro, en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas, agás os luns.


Na inauguración da exposición, celebrada o mércores 10 de agosto en Vigo, interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; e o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal. Antes das intervencións institucionais, o violinista Sergio Heredia interpretou unha peza musical de Manuel Quiroga co violín do propio Quiroga que forma parte da exposición. Escolleu para a ocasión a peza "Emigrantes celtas. Lonxe da terriña, lonxe do lar".

Xesús Alonso Montero puxo o acento na importancia da defensa do idioma asegurando que "a fala naquel momento estaba verdadeiramente ameazada, porque daquela o galego non era o idioma doméstico da clase media, que é onde están os profesionais, os intelectuais e a cultura, e que é a clase que funciona como espello do resto da sociedade". O presidente da RAG avogou por continuar na actualidade este labor de promoción e reivindicación do noso idioma.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, incidiu na idea da necesidade de comprender o herdo dunha xeración que definiu como "avanzada e moderna". "Esta mostra está concibida de maneira pedagóxica e áxil, non como una exposición histórica e memorialista, porque o que queremos é transmitila e aproveitar o bafo das Irmandades para camiñar cara o futuro" sinalou Goretti Sanmartín.

O presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, fixo referencia aos logros das Irmandades en Vigo, centrándoos na edición do Diario Galicia. Beramendi sinalou que este xornal foi "un auténtico paso adiante na prensa galega" e que, "dirixido de facto por Valentín Paz Andrade, tivo un enorme éxito e chegou a converterse no de maior tiraxe de Galiza, e no primeiro xornal que realmente foi de ámbito galego, porque os demais eran de tiraxe local". Justo Beramendi tamén salientou o papel crucial das Irmandades no rexurdir do galeguismo e posterior desenvolvemento do nacionalismo.

Saúde e Terra, irmá(n)s!fai un percorrido pola traxectoria do movemento iniciado, en maio de 1916 na Coruña, polos irmáns Villar Ponte para estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos e que, posteriormente, se foi espallando por toda Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Unha referencia que estivo moi presente nas intervencións dos representantes das catro institucións e que Xosé Leal quixo aproveitar para vincular á figura de Castelao, persoeiro que desde a Deputación de Pontevedra se está a homenaxear neste ano. "Castelao, a partir de Arte e Galeguismo, adquiriu un compromiso ideolóxico e cultural que foi determinante para a Galicia do momento e tamén para a actual. Por iso é importante lembrar o pasado, para que teña importancia no presente e tamén de cara ao futuro" asegurou Leal.