Foto de familia dos intervenientes na inaguración da exposición coa que deu comezo a xornada.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, intervén na inauguración da xornada.
Exemplares da escolma bibliográfica incluída na exposición.
Un momento da intervención de Joaquim Coelho, comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, na inauguración da xornada.
Foto de familia das persoas intervenientes no programa da tarde.
Xosé Manuel Dasilva presenta Camões en Galicia acompañado de Xosé Manuel Soutullo.
Pola esquerda, Henrique Monteagudo, José Carlos Seabra Pereira, Micaela Ramon e Xosé Manuel Soutullo.
O profesor Seabra, da Universidade de Coimbra, durante o seu relatorio.
A profesora Micaela Ramon, da Universidade do Minho, falou dos mecanismos de preservación da memoria literaria no século XXI.
A académica Marilar Aleixandre coordinou e participou no recital de poemas do homenaxeado.
A académica Chus Parto recitando un dos poemas de Camões.
O académicoa correspondente Ramón Nicolás recitando un dos poemas de Camões.
A xornalista Cláudia Morán participa no recital.
A académica Fina Casalderrey participa no recital.
A investigadora e escritora Rexina Vega participa no recital.
César Morán interpreta “Verdes são os campos”.
O programa púxolle o ramo desde Galicia aos dous anos de conmemoracións que concluíron no país veciño oficialmente o pasado 10 de xuño, Día de Portugal, e implicou tamén, en calidade de colaboradores, o Concello de Vigo, o Consulado-Geral de Portugal em Vigo, a Editorial Galaxia e o Camões - Centro Cultural Portugués em Vigo.
“Temos, aquí e agora, unha oportunidade de ouro para reposicionar a centralidade da obra deste Luís pleno de contradicións, non como unha herdanza estática do pasado, mais como unha ferramenta vital de navegación para o presente”, reivindica Joaquim Coelho Ramos, quen sinala a diversidade cultural, o choque e o diálogo entre pobos, a valorización da diferenza, o pracer do coñecemento e a exploración da inesgotable temática da viaxe como algúns dos temas que Camões nos convida a discutir hoxe desde o seu legado literario.
O representante da organización lusa encargada do quinto centenario do autor refírese así mesmo as raíces galegas do autor. “Ollar para o home por detrás do mito, sen esquecer o mito que alimenta o home, esixe, aquí en Vigo, recordar que o apelido que hoxe resoa universalmente como sinónimo de Portugal terá unha matriz xenética en Galicia, na vella liñaxe das terras de ‘Camos’. Recordar a orixe galega do nome de Camões non é un mero detalle biográfico; é asumir a xénese dunha visión do mundo que naceu dese abrazo primordial co norte para, máis tarde, facerse universal”, reflexiona.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, agradece a ampla participación portuguesa nesta celebración galega dun autor sempre recoñecido pola Academia, que xa celebrara con solemnidade en 1924 os catrocentos anos do seu nacemento. Daquela contara entre os seus convidados co poeta Eugénio de Castro, membro correspondente da institución, lembra. Cen anos despois, “a xornada de hoxe enmárcase nesa liña de continuidade que une a Real Academia Galega coa cultura portuguesa desde os seus comezos, unha tradición na que Camões sempre foi atendido en recoñecemento da grande influencia que deixou nas nosas letras”, comparte o presidente da RAG.
Manuel Puga Pereira, presidente da Penzol, convida a cidadanía galega a se achegar a Camões a través da mostra e subliña tamén a irmandade da fundación con Portugal desde as súas orixes. “Este quinto centenario de Camões non podía quedar fóra da nosa programación anual tanto polas raíces do autor coma pola intensa relación da Penzol coa cultura portuguesa desde sempre. A lección inaugural das nosas primeiras instalacións na rúa Policarpo Sanz impartiuna o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa”, recorda.
De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões dálle continuidade á participación galega no quinto centenario de Camões en Portugal. O pasado mes de novembro a RAG e o CCG participaron en Lisboa no Colóquio Internacional Sob o signo de Camões. Cânones e heterodoxias, con conferencias e unha exposición bibliográfica coorganizada por ambas as institucións. A vicepresidenta do Consello, Dolores Vilavedra, enmarca tamén ambas as dúas citas no compromiso firme da súa institución “con todas aquelas iniciativas que supoñan alicerzar e alimentar o diálogo coa cultura portuguesa”, que inclúe outros proxectos como Dramaturxias itinerantes. “Esperamos que esta conmemoración camoniana sexa un punto de inflexión, no coñecemento do escritor e a súa obra na nosa terra, mais tamén un decidido paso adiante nese diálogo imprescindible entre Galicia e Portugal”, conclúe.
Exposición e ‘Camões en Galicia’
A exposición que pode verse xa na Casa Galega da Cultura inclúe valiosa documentación, entre a que figura o privilexio do século XIV en que Henrique III priva do seu señorío na vila de Baiona a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta. A parte bibliográfica, pertencente aos fondos da Penzol, dá ademais conta da recepción da obra e da figura do escritor en Galicia.
O comisario da mostra é o subdirector da Penzol e catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, quen abriu o programa da tarde coa presentación de Camões en Galicia (Galaxia, 2026). Neste volume Dasilva, destacado camonista, reúne unha serie de estudos que afondan nas pegadas galegas do mestre e que revelan o alento camoniano de figuras senlleiras da cultura galega, dende o padre Sarmiento a Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autor d'Os Eoas, a “proposta de meirande ambición” das letras galegas —apunta— que tratou de conseguir os mesmos logros ca o portugués coa epopea Os Lusíadas.
A recepción galega de Camões no ámbito peninsular é singular, explica Dasilva. “No eido español tendeuse máis ben á apropiación da súa figura, ao ser un autor de aceptabilidade complicada fundamentalmente pola envergadura patriótica d’Os Lusíadas. En Galicia distínguese, emporiso, unha constante propensión á adopción máis que á apropiación en si. Noutras palabras, non se adquire pola forza como propio o que é alleo, e utilízase, en cambio, para encher ante todo un baleiro inducido polo noso devir histórico. Por unha banda, Camões foi tomado en calidade de referencia, a través dunha serie de liñas de forza. Por outra, constituíu unha influencia, a cal se plasmou de dous modos: por imitación, como poeta lírico; e por emulación, como poeta épico”, detalla no limiar.
A visión tópica dos galegos e da súa lingua
O presidente da RAG interviu tras a presentación do libro de Xosé Manuel Dasilva cun relatorio sobre a visión da lingua galega e dos galegos no Portugal do século de Camões, certamente pouco positiva, como lamentara o padre Sarmiento en referencia ao verso d’Os Lusíadas que di “Ó sórdidos galegos, duro bando”. “Nos textos portugueses da súa época xa existe unha imaxe construída do falar galego e do tipo humano asociado a ese falar. E Os Lusíadas consagra eses tópicos da cultura portuguesa, que polo menos xa estaban asentados na mentalidade lisboeta, sostén Henrique Monteagudo, quen rastrexou o tópico denigrante do galego ata a literatura portuguesa e propón que dito estereotipo xurdiría en Portugal para logo se estender a Castela.
Da banda portuguesa, a xornada contou tamén con Micaela Ramon, profesora da Universidade do Minho, co relatorio “Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI”; e mais José Carlos Seabra Pereira, profesor da Universidade de Coimbra, coa contribución titulada “Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (materia perigosa?)”.
O programa continuou co recital poético-musical coordinado pola directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, no que lle puxeron voz a versos de Camões as académicas Chus Pato e Fina Casalderrey, o académico correspondente Ramón Nicolás, a xornalista Cláudia Morán, a escritora e investigadora Rexina Vega, Henrique Monteagudo e a propia Aleixandre. César Morán pechará este apartado coa interpretación de “Verdes são os campos”.
Ofrenda do Consulado-Geral de Portugal em Vigo
O Consulado-Geral de Portugal em Vigo rematou a xornada coa ofrenda floral diante do busto de Camões na praza de Portugal. Nela participaron canda o cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva, os representantes das demais institucións implicadas.


