Tribuna

'Circe ou o pracer de azul' e as outras formas de ser home

A celebración da obra de Begoña Caamaño permitiunos este ano volver sobre algúns dos grandes eixes que atravesan a súa escrita: os mitos e a súa vixencia, a materia de Bretaña como territorio simbólico da nosa cultura, o feminismo como ferramenta de transformación, ou o xornalismo entendido como exercicio de liberdade, responsabilidade e compromiso coa verdade. A súa figura convocou, ademais, unha memoria afectiva singularmente viva. Ao tratarse dunha autora próxima no tempo, foron moitas as persoas que puideron evocar non só a escritora, senón tamén a compañeira, a amiga, a xornalista, a muller comprometida que habitou con intensidade o seu tempo.

Nesa lembranza colectiva, o perfil da súa personalidade foi debuxando con nitidez unha existencia marcada por dúas calidades que, á primeira vista, poderían parecer contraditorias: a lucidez e a alegría. Salientouse dela unha capacidade extraordinaria para ler e interpretar o mundo, para comprender as súas estruturas de poder e, daquela, tamén as súas inxustizas. Mais, ao tempo, afirmouse reiteradamente que a alegría a definía: esa alegría que se percibe no sorriso franco e vibrante das súas fotografías, mais tamén nunha maneira de estar no mundo aberta, confiada, luminosa. Non se trataba dunha alegría allea á conciencia crítica, nin dunha felicidade inxenua, senón dunha forma de esperanza activa, dunha enerxía vital que non negaba a dureza da realidade, mais negábase a aceptar que esa realidade fose definitiva.

Esa conxunción de lucidez e alegría está tamén no corazón da súa literatura. Circe ou o pracer do azul non sería posible sen esas dúas forzas. A lucidez permítelle a Begoña Caamaño comprender os mecanismos simbólicos do patriarcado, detectar as violencias naturalizadas nos relatos herdados e desvelalas mediante a reescrita, a intertextualidade e o desprazamento do punto de vista. A alegría, pola súa banda, permítelle non quedar instalada unicamente na denuncia. A novela non se limita a desmontar o mito: imaxina outra posibilidade, abre unha fenda cara a un futuro distinto, constrúe unha alternativa ética e afectiva.

En Circe ou o pracer do azul, Begoña Caamaño dialoga coa tradición homérica desde unha posición fondamente contemporánea. A novela parte dun dos grandes relatos fundacionais da cultura occidental, mais faino para interrogar as súas zonas de sombra: quen falou?, quen foi silenciado?, que voces quedaron subordinadas á gloria do heroe?, que experiencias femininas foron reducidas a función narrativa dentro da aventura masculina? Circe e Penélope, figuras tradicionalmente lidas en relación con Ulises, deixan de ser personaxes definidas pola espera, polo desexo ou pola ameaza, e convértense en suxeitos de palabra, memoria e interpretación.

Mais un dos aspectos máis suxestivos da obra está precisamente no tratamento de Ulises. A novela constrúese sobre o motivo narrativo da viaxe do heroe, formulado por Joseph Campbell en The Hero with a Thousand Faces: o heroe que abandona o reino inicial, atravesa probas e perigos, explora dalgún xeito os seus propios límites e retorna traendo consigo algo valioso para a comunidade. A pregunta decisiva é, daquela, con que retorna o Ulises de Begoña Caamaño a Ítaca. Que transformación verdadeira se produce nel? Que aprendizaxe trae da illa de Eea?

Cara ao final da novela reaparece con insistencia unha expresión reveladora: «o novo Ulises». O que regresa non é simplemente o guerreiro astuto, o navegante capaz de vencer monstros ou enganar inimigos, senón un home que foi obrigado a mirarse doutro modo. A súa viaxe non consiste só en conquistar espazos exteriores, senón en abandonar unha forma de masculinidade fundada na arrogancia, na apropiación e na violencia. Cando Circe e Penélope dialogan, ambas atopan inicialmente dificultades para comprender os sentimentos que a outra alberga cara a Ulises. Esa comprensión só se acada cando Penélope racha finalmente o silencio e desvela a razón da súa carraxe: o Ulises que ela coñece é aínda o vello home, o conquistador insensible, brutal e violento; un Ulises que Circe non podería amar.

A grande operación literaria de Begoña Caamaño consiste en facer posible esa transformación sen simplificala. O amor non aparece como redención máxica nin como destino feminino de salvación do varón. Circe non salva a Ulises: enfróntao á súa propia ignorancia. Cando el parte da illa de Eea, a maga arríncalle un xuramento: que ha de amar e respectar a Circe que habita en cada unha das mulleres. O mandato é fermosísimo porque transcende a relación concreta entre dous personaxes e eríxese nun principio ético. Non se trata só de lembrar a muller amada, senón de recoñecer en todas as mulleres unha dignidade que a orde patriarcal negou ou someteu. «Nada sabía eu, necio e arrogante heroe», di Ulises de si mesmo no momento da partida. Nesa frase condénsase unha revelación decisiva: o heroe antigo debe ser superado para que poida nacer un home novo.

Begoña Caamaño deu así forma literaria a unha das cuestións centrais do pensamento feminista contemporáneo: a necesidade de transformar tamén os modelos de masculinidade. Non abonda con que as mulleres conquisten a palabra e revisen os relatos herdados; cómpre tamén que os homes abandonen a posición de dominio desde a que foron educados para desexar, posuír, competir ou exercer autoridade. Esa é tamén a dirección na que bell hooks orienta a súa reflexión en A vontade de cambiar. Homes, masculinidade e amor, obra traducida ao galego por Laiovento en 2023, cando reclama o feminismo para os homes e defende a necesidade dunha cultura capaz de facer posible a súa transformación. A masculinidade patriarcal non se supera só coa denuncia: cómpre imaxinar, nomear e aprender outra forma de ser home. Un futuro en igualdade require a aparición dun novo home: un compañeiro, un cómplice, alguén disposto a deixar atrás a violencia simbólica e material sobre a que se edificou a súa autoridade. Só así o amor é posible.

Por iso Circe ou o pracer do azul é unha novela profundamente feminista. A súa forza non reside só na denuncia do patriarcado, senón na exploración dunha orde distinta dos vínculos. Circe e Penélope non son rivais nun relato gobernado polo desexo masculino; son dúas mulleres que se recoñecen, que dialogan, que reconstrúen xuntas unha verdade antes fragmentada e sometida á lóxica do heroe. E Ulises, para poder regresar, debe mudar.

Malia a despedida, Circe afirma que a súa alma está «enchoupada de húmida ledicia e orballante felicidade». A esperanza, para Circe, non é unha ilusión fráxil, pois na plenitude da súa relación albiscou o xurdimento dese novo home, dese novo Ulises que agora parte cara a Ítaca. Velaí quizais unha das claves máis fondas da obra e da figura de Begoña Caamaño: esa rara capacidade para unir a lucidez e a felicidade. A lucidez permite comprender os mecanismos de poder e as inxustizas, mais sen alegría pode quedar reducida ao desencanto. A alegría, pola súa banda, sen lucidez corre o risco de converterse en evasión ou inxenuidade. En Begoña Caamaño, pola contra, ambas se alimentan mutuamente.

Esa lección resulta necesaria non só para o feminismo, senón tamén para a lingua e para a cultura galega. Cómpre comprender con lucidez a complexidade do presente, as ameazas, os retrocesos, as inercias que pesan sobre nós. Mais cómpre tamén conservar a capacidade de imaxinar un futuro posible, compartido e vibrante. Como na literatura de Begoña Caamaño, non abonda con denunciar o mundo herdado: é preciso reescribilo. E facelo coa intelixencia crítica de quen coñece a dor, mais tamén coa alegría radical de quen non renuncia á esperanza.
 

María López Sández
Académica de número