Comunicación

null 'Navegar no pracer do azul' en Compostela

'Navegar no pracer do azul' en Compostela

A presentación do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul reuniu na tarde de onte no Salón Teatro participantes e persoas que colaboraron na produción da Real Academia Galega, amizades da autora á que lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, veciñanza da cidade na que viviu dende 1992 ata o seu pasamento e representantes institucionais. A sesión permitiu ver nunha pantalla de cine o filme (dispoñible nesta páxina web e na canle de Youtube da RAG), unha proposta narrativa que combina o retrato coral da escritora e xornalista con representacións dramatizadas da súa obra literaria de gran beleza.

1/16

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e a irmá de Begoña Caamaño, Beatriz Caamaño, abriron o acto acompañados pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Sol Agra; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, en representación das institucións que cofinanciaron a película, que tamén foi apoiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; e mais a alcaldesa de Santiago de Compostela, a académica correspondente Goretti Sanmartín, amiga persoal de Begoña Caamaño e unha das persoas que participan no documental coas súas lembranzas sobre a homenaxeada.

Tras a proxección da fita, os seus directores, Damián Varela e Alba López, en conversa co académico e editor da autora, Víctor F. Freixanes, compartiron co público algunhas reflexións sobre o que significou para eles achegarse á figura de Begoña Caamaño ou o exemplo que supón para a xente nova Begoña Caamaño como neofalante que foi no seu momento. "Sinto que coa escolla de Begoña Caamaño e das outras candidaturas dos últimos anos a Academia amosa unha conexión moi profunda co que está pasando ao noso redor. Para nós foi un agasallo a encarga deste documental, porque falar de Begoña Caamaño e da súa obra é falar do noso, do que coñeciamos e vivimos desde nenos, doutro xeito!", expresou Damián Varela. "Estou moi agradecida de que Begoña Caamaño chegase á miña vida", compartiu Alba López, quen salientou o pracer da redescuberta da súa literatura e mais o privilexio que significou para ela achegarse á autora a través da súa familia e das súa amizades. 

Entre as persoas asistentes, o acto contou coa presenza de parte das que aparecen no documental ou colaboraron dalgún xeito na súa produción. A bailarina Elsa Pereira, quen interpreta no documental o papel da protagonista de Morgana en Esmelle, a segunda novela de Begoña Caamaño; a académica Ana Romaní, compañeira da Radio Galega; as tamén amigas da autora Amanda Álvarez, Andrea Nunes Brións, Faia Díaz e Tereixa Navaza; a historiadora Susana Reboreda; as alumnas do CEIP Monte dos Postes que participaron no obradoiro de radio escolar que abre o documental; o autor da música orixinal, Chus Silva; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e as libreiras Monse Vilar e María Xesús Costoia.

A Real Academia Galega celebrará outra proxección pública en Vigo, a cidade onde Begoña Caamaño naceu, medrou e se fixo xornalista. Será o vindeiro 11 de maio na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que colaborou tamén no documental. Varias alumnas e alumnos do centro protagonizan as dramatizacións da súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul, e do proxecto literario arredor da figura de Sherezade que Begoña Caamaño non chegou a realizar por mor do seu prematuro falecemento.