Xuntanza do presidente da RAG co titular da Deputación de Ourense

O presidente da Real Academia Galega continuou este xoves en Ourense a rolda de entrevistas con responsables das deputacións provinciais. Víctor F. Freixanes mantivo esta mañá unha xuntanza co responsable da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na que tamén participou o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

Pola esquerda, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na xuntanza mantida hoxe na institución provincial. Fonte: Deputación de Ourense


No encontro, o primeiro de Víctor F. Freixanes como presidente da RAG co responsable provincial, falouse sobre a colaboración da Deputación de Ourense coa Academia para contribuír á estabilidade orzamentaria dunha institución que pertence a toda a cidadanía galega, así como sobre as posibilidades de cooperar en proxectos futuros concretos.

O ingreso da poeta Chus Pato na Real Academia Galega foi outro dos asuntos abordados na xuntanza. A cerimonia de entrada da escritora ourensá na RAG terá lugar o vindeiro 23 de setembro no IES Otero Pedrayo de Ourense.