O membro de número da Academia, Xosé Neira Vilas, nado en Vila de Cruces en 1928, é autor da novela Memorias dun neno labrego, publicada en Bos Aires en 1961 na editorial Follas Novas, dirixida por el mesmo. Esta obra pasou a ser, de inmediato, un fenómeno editorial, multiplicando as edicións e as traducións, ata se converter no libro máis vendido da historia da literatura galega dentro e fóra das nosas fronteiras. Alén do seu labor estritamente creativo, Neira Vilas foi tamén xornalista, editor e, sobre todo, estudoso e profundo coñecedor da xénese histórica da emigración galega na América, nomeadamente, da cubana.
No resto de categorías, os premiados foron: a Galería Trinta, na de Artes Plásticas; Cándido Pazó, na de Artes Escénicas; o Festival Internacional de Ortigueira, na de Música; a asociación empresarial AGAPI, na de Audiovisual, o profesor David Mackenzie, na de Lingua, o Grupo Marcelo Macías, na de Patrimonio Cultural e o Centro Pen Clube Galicia na de Promoción Exterior.
O xurado deste premio conta contou coa presenza da Real Academia Galega, representada, nesta ocasión, polo seu secretario, Henrique Monteagudo.