Xesús Alonso Montero concluíu hoxe a súa etapa como presidente da Real Academia Galega logo de catro anos á fronte da institución. Así o oficializou hoxe ante os membros do Plenario na xuntanza ordinaria celebrada esta tarde, a partir da cal comeza o proceso que conducirá á elección da nova Comisión Executiva.
De acordo coa normativa da RAG, tras a finalización do mandato de Xesús Alonso Montero ocupa interinamente o cargo de presidente o secretario, Henrique Monteagudo, a quen lle corresponde poñer en marcha o devandito proceso electoral. Os estatutos da institución establecen un período non superior a tres mes para a elección da nova Comisión Executiva.
A candidatura ou candidaturas á Presidencia da RAG que poidan concretarse deben ser presentadas por tres membros de número da institución. Para facelo disporase dun prazo que remata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do Pleno extraordinario de elección.