A corporación municipal de Viveiro acordou por unanimidade no pleno do pasado 11 de outubro concederlle o título de filla adoptiva a Luz Pozo Garza, respondendo así a unha iniciativa que partiu de Luis Fernández e de Marisol Prieto e que foi apoiada por diversos colectivos locais e máis de 160 veciños e veciñas a título persoal. Este non será o primeiro recoñecemento desta vila luguesa á escritora. O pasado mes de marzo, o claustro da escola oficial de idiomas de Viveiro decidiu darlle o seu nome ao centro educativo, que se sumou así á campaña Nomearnos en feminino do Observatorio pola Igualdade da Mariña.
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), a decana dos poetas galegos en activo, leva oito décadas creando versos. Ingresou en 1950 na RAG como correspondente e desde 1996 é membro de número. A institución rendeulle homenaxe en xullo de 2017 co gallo do seu 95 aniversario nun emotivo acto no que recordou a súa decisión, en plena ditadura, de pasar a escribir en galego, lingua na que publicou un libro por primeira vez en 1952.