Visita institucional á Deputación de Lugo

Os presidentes de ambas institucións acordaron renovar o convenio de colaboración entre as dúas partes para o ano 2015.
Xosé Ramón Gömez Besteiro e Xesús Alonso Montero.
Xosé Ramón Gömez Besteiro e Xesús Alonso Montero.


Na súa intervención, o presidente da Deputación de Lugo, Ramón Gómez Besteiro, manifestou a súa preocupación pola baixada no número de falantes de galego reflectida no último informe do Instituto Galego de Estatística, e reclamaoulle á Xunta de Galicia a posta en marcha das políticas precisas para pórlle freo a esta tendencia. Gómez Besteiro expresou, asemade, a súa vontade de duplicar esforzos na defensa do galego, así como de renovar o convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Lugo e a Real Academia Galega.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero -quen acudiu á reunión acompañado polo secretario e a tesoureira desta institución, Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez- coincidiu na necesidade de promover desde as institucións o uso efectivo do galego, e felicitou o presidente da Deputación de Lugo polo seu firme compromiso na defensa da lingua.

A seguir, Alonso Montero declarou o seu agradecemento á Deputación de Lugo pola súa estreita colaboración coa Real Academia Galega e anunciou, ademais, a celebración no outono deste ano dunhas xornadas de homenaxe ao escritor lugués Ramón Piñeiro, en conmemoración do centenario do seu nacemento.