Visita do alumnado da Furman University

Un grupo de estudantes da Universidade de Furman (Carolina do Sur) visitou a Academia para se informar sobre a súa historia e a situación actual da lingua galega.
Os profesores Stephanie Knouse e Mark Amengual, Henrique Monteagudo e Facundo Reyna
Os profesores Stephanie Knouse e Mark Amengual, Henrique Monteagudo e Facundo Reyna


O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, foi o encargado de os recibir e informar sobre aspectos relacionados coa historia da Academia –desde a súa fundación, grazas ao apoio da comunidade galega na Habana, ata hoxe- as súas funcións e réxime de funcionamento interno.

Así mesmo, Henrique Monteagudo respondeu as preguntas do alumnado norteamericano, que manifestou un grande interese e coñecemento previo sobre a situación da lingua na sociedade galega de hoxe, datos de uso e outras cuestións relativas ao eido da sociolingüística.

No faladoiro estivo tamén presente o investigador arxentino de orixe galega Facundo Reyna Muniain, quen disertou sobre o proceso de recuperación do herdo cultural galego que está levar a cabo a terceira xeración de emigrantes do noso pais en Arxentina, un feito que ilustrou con exemplos tirados do mundo da creación artística, como esta peza musical do grupo arxentino de raíz galega Xeito Novo que se pode escoitar nesta ligazón.

Alumnado da Universidade de Furman presente no acto
Alumnado da Universidade de Furman presente no acto