Alonso Montero con Manuel Vázquez
Para Manuel Vázquez, "a lingua galega non pode ser máis un elemento de confrontación. Ningún de nós ten dereito a usar a lingua como se dunha ferramenta política se tratase". O secretario xeral dos socialistas rematou a súa intervención sinalando que "hai moitas cousas que podemos ver de xeito distinto, pero a defensa da lingua é un obxectivo que debe unirnos a todos".
Pola súa parte, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, expresou o seu agradecemento, en nome desta corporación, a Manuel Vázquez pola súa visita, e apuntou: "a nosa non é unha institución política, a Academia é, máis ben, unha institución de carácter técnico que ten como finalidade establecer o código da nosa lingua". O presidente da Academia engadiu tamén que "outro dos nosos obxectivos é o da defensa da lingua, e fago miñas as palabras de Manuel Vázquez cando di que nesta causa debemos estar todos de acordo, pois o galego é o idioma de todos".