Visita ao IES A Sardiñeira

O presidente e o secretario da Academia visitaron a exposición organizada polo alumnado do centro cos carteis do proxecto A volta ás Letras en cincuenta días.
O presidente e o secretario da RAG cos alumnos de 2º de Bacharelato do IES A Sardiñeira
Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos e o deseñador Pepe Barro con profesores e estudantes do IES A Sardiñeira. Imaxe cortesía do instituto


O acto, que se desenvolveu na biblioteca do IES A Sardiñeira da Coruña, tivo lugar o pasado 22 de novembro. O presidente da Academia, Méndez Ferrín, felicitou o alumnado de 2º de Bacharelato pola súa montaxe cos 50 carteis do Días das Letras Galegas exposta na entrada do centro e destacou a coincidencia no tempo con outra iniciativa que os alumnos da Federación de Asociaciones Gallegas de Buenos Aires están a desenvolver arredor da mesma celebración.

Pola súa banda, os estudantes responsables da exposición tributaron unha emotiva homenaxe á Academia co recitado de poemas de Luz Pozo Garza e de Rosalía de Castro, ademais dunha lectura dramatizada dun fragmento da obra Saxo Tenor, autoría do protagonista do Día das Letras do ano 2013, Roberto Vidal Bolaño. Unha alumna do centro foi a encargada de poñerlle o ramo ao acto coa interpretación dunha peza musical ao saxofón.

O secretario e o Presidente
O presidente e o secretario da Academia con dous membros do equipo directivo e o alumnado na biblioteca do centro. Imaxe cortesía do instituto