Víctor F. Freixanes escribe o Bando do Día de Galicia de Vigo

O presidente da Real Academia Galega pronunciou o Bando do Día de Galicia do Concello de Vigo. Víctor F. Freixanes exerceu como pregoeiro na celebración que tivo lugar onte pola tarde nos xardíns do Pazo Museo Quiñones de León, onde fixo unha crónica persoal, e tamén colectiva, dos case corenta anos que leva vencellado a esta cidade.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, le o Bando do Día de Galicia do Concello de Vigo na celebración que tivo lugar nos xardíns do Pazo Museo Quiñones de León


Víctor F. Freixanes recordou a súa chegada a Vigo, en 1975, xunto á súa compañeira. "Aquí medrei profesionalmente, aquí sementei moitos dos meus mellores amigos, aquí naceron os meus fillos, aquí escribín e publiquei os meus primeiros libros, aquí exercín a docencia, o activismo cultural, o xornalismo, aquí construímos castelos e aquí apertamos os dentes cando houbo que apertalos", evocou.

O bando titúlase "A nosa California", as palabras coas que retrataba o Vigo dos anos 40 o xastre catalán que tivo como veciño. Aquel home chegara á cidade camiño de América, pero nela atopou as oportunidades que buscaba á outra beira do Atlántico e xa non marchou. "Esta idea segue dentro de min: cidade de arribada, tamén cidade de despedidas nos peiraos dos transatlánticos camiño das Américas, mais sobre todo cidade de encontros, territorio luminoso de amizades e descubertas, cidade para construír e sementar, sen complexos, sempre a sumar, sempre a abrir os brazos aos que se achegan, porque todos somos de aquí, todos somos Vigo, e en sendo Vigo somos Galicia, esta Galicia moderna, aberta ao mundo, desinhibida e arrichada, que hoxe celebramos e reivindicamos", concluíu.