Utilidades do Dicionario da RAG xa dispoñibles para Firefox e Chrome

Proxecto Trasno e Cabozo, dous colectivos sen ánimo de lucro dedicados a trasladar software libre á nosa lingua, veñen de incorporar o Dicionario da Real Academia Galega en liña nos navegadores Firefox e Chrome respectivamente, dous dos máis usados do actualmente.

As novas aplicacións, de moi doada descarga e utilización, permítenlle ao usuario consultar o noso dicionario en liña sen necesidade de acceder previamente á páxina web da RAG, ben mediante a súa incorporación á lista de buscadores, no caso da ferramenta de Trasno para Firefox, ou ben subliñando a palabra da que se quere coñecer o seu significado e premendo logo no botón dereito do rato, no caso da aplicación desenvolvida por Cabozo para o Chrome.

Captura de pantalla da aplicación de Trasno para o Firefox
O Dicionario RAG integrado no buscador de Trasno para Firefox

Captura de pantalla da extensión do Dicionario Rag para Chrome
Vista da extensión desenvolvida por Cabozo para o Chrome


A Academia quere saudar e cumprimentar estas iniciativas de Cabozo e Trasno que contribúen, co seu labor desinteresado, a aumentar a difusión do galego na rede, así como a espallar unha ferramenta, o Dicionario da RAG en liña, concibida precisamente para atender as demandas nacidas no contexto da chamada "sociedade da información".