Unha xornada lembra o legado de Manuel Luís Acuña no seu 50 cabodano

O Liceo de Ourense acolle este venres 12 de setembro (20 horas) unha homenaxe a Manuel Luís Acuña no seu 50 cabodano. O programa, coordinado polo académico correspondente Ramón Nicolás e organizado polo Liceo co apoio da Sección de Literatura da Real Academia Galega, convocará voces que resultaron fundamentais no estudo da súa obra e da súa figura: o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, Xoán C. Domínguez Alberte e mais Carlos L. Bernárdez e o propio Nicolás. A cita contará tamén coa poeta ourensá Yolanda López, que declamará poemas de Acuña e algún propio.

Manuel Luís Acuña Sarmiento (A Pobra de Trives, 1899 – Ourense, 1975) foi unha voz singular dentro da poesía galega. As súas primeiras publicacións literarias viron a luz na revista Vida gallega no ano 1926 e o seu único poemario, Fírgoas, onde conflúen ecos da vangarda poética máis pura cos popularistas, saíu do prelo de Ánxel Casal no ano 1933. “A súa obra literaria, encadrada nos límites xeracionais que abren Manuel Antonio e Amado Carballo, está moi condicionada polos acontecementos históricos que lle tocou vivir, que están na cerna do seu posterior e persistente silencio literario”, apuntan Carlos L. Bernárdez e Ramón Nicolás na súa edición de Fírgoas para Xerais (1992).

Alén do seu perfil como poeta, tampouco cómpre esquecer a obra narrativa e a etapa do autor como director do xornal El Momento (A Coruña 1930), ou a colaboración prestada nas Escolas do Insiño Galego que botara tamén a andar Ánxel Casal na cidade herculina. Mestre republicano progresista –era membro da asociación educativa ATEO de Ourense–, tras ser depurado polos golpistas dedicouse ao ensino privado en Ourense ata a súa xubilación. 

Manuel Luís Acuña. Fonte: Arquivo familiar