Unha exposición mostra parte do legado documental de Luz Pozo Garza

A Cidade da Cultura acolle ata o vindeiro 9 de xuño unha exposición de homenaxe a Luz Pozo Garza que amosa parte do legado documental e bibliográfico da poeta e académica. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou este luns, Día da Muller, na inauguración da mostra que, baixo o título Luz Pozo Garza. Unha estrela de luz, se enmarca no ciclo 'Mulleres sobranceiras' do Arquivo de Galicia.

"Se algo caracterizaba a Luz Pozo Garza é a luminosidade que tamén está na súa poesía e á que fai referencia o título desta exposición. Visitar a súa obra nesta mostra e nos seus libros é algo que,  como presidente da RAG e compañeiro de Luz durante anos, agradezo", expresou o presidente da Academia na inauguración antes de recitar un dos poemas da autora.

Víctor F. Freixanes participou na inauguración da mostra xunto ao  fillo de Luz Pozo Garza, Gonzalo Vázquez Pozo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.