A Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, responsables de Galicia Nomeada, agradecéronlle a doazón nunha homenaxe celebrada este mediodía no Centro Social de Dumbría na que Modesto García Quintáns estivo ademais arroupado pola veciñanza e o alumnado e o profesorado do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia que asistiron como público.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixéronlle entrega dun diploma de recoñecemento “polo agasallo que fai á cultura de Galicia”. A acreditación cualifica o labor deste dumbriés ilustre como “unha fermosa mostra do amor que sente pola súa terra, que o levou a percorrer durante moitos anos o territorio de cada unha das aldeas de Dumbría e para o que contou como informantes coas persoas maiores e máis sabias de cada lugar”. O alcalde, Raúl González Lado, tamén interveu na celebración, que rematou coa entrega debuxos que os nenos e nenas do Santa Eulalia realizaron inspirándose nos nomes recollidos polo seu veciño.
Tras a entrega dos microtopónimos, os filólogos do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega revisaranos e validaranos para poder incorporalos a Galicia Nomeada, o proxecto centrado na recuperación da microtoponimia do país contando coa colaboración interxeracional de milleiros de persoas voluntarias que achegan dende o seu territorio máis próximo, mesmo familiar, os nomes de chousas, regos, penedos, leiras ou devesas que corren o risco de se perder.
Deste modo, ficarán preservados e dispoñibles para a consulta e divulgación nomes de pedras de Dumbría como O Petón da Lagoa, O Petón das Cruces, O Petón do Pobre, O Petón das Porcarizas, A Pedra vixía, A Pedra Arada, A Pedra Furada, A Pedra dos Porros, Pedra Abrigueira ou Pedra Ventosa; de monumentos prehistóricos como o Petróglifo da Pedra Ancha ou as mámoas do Baíño, da Lomba e de Cabernalde; e nomes de terras como O Prado da Misa, O Fial da Grúa, A Portela da Loba, As Gatiñeiras, Os Vaos Anchos e A Cova da Meda.
Unha vida traballando no territorio
Funcionario do Instituto Xeográfico Nacional, logo de exercer en Valladolid, a finais dos anos 70 Modesto García Quintáns incorporouse á nova delegación galega da entidade dependente do Goberno de España, con sede na cidade da Coruña. O seu traballo consistía fundamentalmente en percorrer Galicia para actualizar o rostro do país contando cos últimos avances do momento na especialidade. “Traballei moito na rede xeodésica, na instalación dos puntos nos montes que permiten logo trazar a cartografía, e tamén na actualización do mapa topográfico de Galicia”, recorda o enxeñeiro, que foi distinguido polas súas achegas nese período coa Cruz de Oficial da Orde de Isabel A Católica.
Pero alén das súas obrigas laborais, consciente das equivocacións cos nomes das agras e leiras que se adoitaron producir nos rexistros para o Catastro e a concentración parcelaria, Modesto comezou a recoller e xeorreferenciar os microtopónimos do seu concello natal, contando coa veciñanza como informante. “Doíame moito ver como no proceso da concentración parcelaria se puñan os nomes na cartografía sen ton nin son, con formas mal recollidas e tamén fóra da súa situación real. Nos mapas daqueles tempos un rótulo dun nome longo podía tapar uns lindes e non era raro que o delineante acabase movéndoo sen xeito. Á escala, uns centímetros poden ser centos de metros. Cando se expuña todo para as reclamacións, os veciños non se fixaban nos nomes, só nos ferrados, e por iso hoxe nos planos do Catastro hai tantos erros”, conta.
Prácticas deste tipo explican –comenta como exemplo– que se lle estea a chamar Chan das Lagoas ao alto no que se instalou o radar de seguimento marítimo do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, a 530 metros sobre o nivel do mar, nun lugar “que nin é nin foi chan, nin ten lagoas”.
Ao se xubilar en 2008, a atención que sempre lle prestara ao territorio da súa infancia e ás súas manifestacións culturais intensificouse. Modesto comezou a percorrer metro a metro todas as aldeas de Dumbría de maneira sistemática para completar o seu mapa topográfico, recollendo milleiros de nomes de leiras ou regos, mais tamén de muíños, hórreos ou túmulos prehistóricos. En ocasións estas saídas realizounas coa compaña do historiador Fernando Alonso Romero, interesado no patrimonio arqueolóxico, e completou a información recollida oralmente con abondosa documentación consulta en bibliotecas e arquivos, repasa o topógrafo, que en 2009 publicou un libro sobre a historia, as tradicións e os costumes do concello de Dumbría que agarda reeditar.
Nomes das casas de toda a veciñanza
A base de datos que o topógrafo e divulgador lle cede á RAG contén ademais os oicónimos de Dumbría, os nomes das casas do municipio polos que eran coñecidos sos seus habitantes. “Este traballo fíxeno nos anos 60. Cando se instalou o teléfono en todas as aldeas do concello, Telefónica publicou unha listaxe cos nomes e apelidos dos veciños, pero a xente coñecíase entre si sobre todo polos nomes das casas. Daquela eu completei esa lista cos alcumes familiares e rexistrei nun plano as coordenadas de cada casa”, detalla.
A súa é a Casa dos Modestos. “Chámase así polo meu avó. Emigrara ao Brasil e regresou con certa posición económica. Daquela pedíanlle moito que apadriñase cativos, que sempre se chamaban Modesto, coma min. Se cadras con algún Modesto en Dumbría, algunha relación coa miña familia ha ter”, comparte.
Modesto García Quintáns foi en todo caso un rapaz de aldea: “Son fillo de labradores. Cando era estudante tiña que ir igualmente coas vacas ao prado ou a apañar a herba”. Un fillo da terra onde medrou que hoxe, aos seus 82 anos, agasállaa coa inmortalidade para un dos seus tesouros máis prezados.