Un soneto de Pura Vázquez

A poesia de Pura Vázquez (Ourense, 1918-2006) está marcada polo intimismo, a relixiosidade e a experiencia da emigración. En 1949 foi nomeada académica correspondente da Academia.
A poeta Pura Vazquez
A poeta Pura Vázquez (Arquivo RAG)


Lúas de vrau e neve van cobrindo
os curutos espidos dos outeiros.
Fouciños de luares montañeiros,
arcanxos malvazul lle van xunguindo.

A laranxa do día estase abrindo
por marogos e pinos e loureiros,
e o níspero maturo e os prexigueiros
nas solainas da luz se están frolindo.

¡Qué colleita de estrelas e de rosas
segando van nas roitas cobizosas
dos malvises e os xílgaros e as frores!

O pombal montesío entre as ramaxes;
cabeleiras de lóstregos i encaixens;
se espallan polo cómaro en solpores.

De A Saudade i outros poemas (Salnés, 1963)