Un libro recompila obra inédita de Crecente Vega

En vida, Xosé Crecente Vega (1896-1948) publicou un único libro en galego, Codeseira (1933). Cadrando co 125 aniversario do seu nacemento, Castro de Rei acolleu onte a presentación d’O mundo nun puño de remol, un volume que dá a coñecer ao público obra inédita do poeta natural deste concello lugués. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a secretaria da institución, Margarita Ledo, participaron na homenaxe baixo o carballo de Luxís, ao que o escritor cantou nos seus versos.

Mario Crecente, Rexina Polín e Felipe Arias, da Comisión Crecente Vega, baixo o carballo de Luxís. Fonte: Comisión Crecente Vega

O libro foi presentado nun acto de homenaxe organizado polo Concello de Castro de Rei, representado polo alcalde, Francisco Balado, e a Comisión Crecente Vega, composta polo bisobriño do homenaxeado, Mario Crecente, o arqueólogo Felipe Arias, a mestra retirada Rexina Polín e o párroco Félix Villares.

Víctor F. Freixanes salientou o traballo do editor literario d’ O mundo nun puño de remol, Ricardo Polín, que leva anos dedicado á obra de Crecente Vega, e o coidado da edición deseñada por Pepe Barro e publicada polo selo Espiral Maior. O presidente da RAG rematou a súa intervención recitando "O carballo de Luxís" ao abeiro da árbore que dá nome ao poema, un auténtico exemplo do noso patrimonio vexetal, en pala-bras de Felipe Arias.

O presidente e a secretaria da Academia, Víctor F. Freixanes e Margarita Ledo. Fonte: Comisión Crecente Vega