O libro foi editado pola Real Academia Galega en colaboración coa Universidade de Lisboa, a través da Facultade de Letras -na que Elsa Gonçalves foi profesora de Literatura Medieval- e o Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa. A presentación terá lugar ás 17:30 horas (horario luso) nun acto no que intervirán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o decano da Facultade, Paulo Farmhouse Alberto; e Henrique Monteagudo.
Xesús Alonso Montero salienta que o labor de Elsa Gonçalves "é un compromiso fondo cos verdadeiros autores". Os estudos reunidos nesta colectánea, engade, son moi representantivos das súas investigacións: "representativos do rigor, que é constante; representativos dos temas e autores máis frecuentados, e representativos das incursións filolóxicas nas que a autora nos ofrece máis achegas e máis novidades".