Tres colexios da Coruña, Cangas e Lourenzá gañan o concurso Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Francisco Fernández del Riego

Os colexios da Espiñeira-Aldán de Cangas, Juan Fernández Latorre da Coruña e Juan Rey de Lourenzá son os gañadores da sétima edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega ao abeiro do proxecto web para o público infantil Primavera das Letras. Os tres centros de ensino presentaron unha variada proposta de actividades para achegaren os nenos e nenas á figura, á obra e ao legado do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, o editor, escritor, activista cultural e académico Francisco Fernández del Riego.

Alumnado do CEIP Juan Fernández Latorre repartindo textos de Fernández del Riego nun bus urbano

A Real Academia Galega entregará os galardóns o vindeiro 17 de outubro nun acto na Coruña, no que participarán alumnado e profesorado dos colexios premiados. O concurso conta co apoio da Deputación da Coruña, que apoia Primavera das Letras dende a súa posta en marcha no ano 2016.

O CEIP Juan Rey de Lourenzá, a terra natal de Fernández del Riego, celebrou as Letras Galegas do seu veciño ilustre dende o comezo do curso cunha morea de iniciativas resumidas no número especial da súa revista, O Tremoal. O equipo da biblioteca desenvolveu no primeiro trimestre o proxecto Desde a fiestra de don Paco, con máis de oitenta actividades de todo tipo nas que participaron os nenos e nenas de todos os niveis. Co Dicionario trangalleiro inventaron palabras seguindo as normas da lingua, elaboraron unha audioguía sobre a vida do homenaxeado, afondaron no mundo dos xogos tradicionais da súa infancia a través das achegas dos estudosos locais Xosé López e Xosé Manuel García e practicaron o xénero epistolar que don Paco tanto cultivou escribíndolles cartas aos Reis Magos desde a perspectiva dos pícaros e pícaras do seu tempo.

O alumnado de Lourenzá tamén analizou e ilustrou o discurso que o autor pronunciou na vila en 1998 con motivo da Festa da Faba, afondou na súa infancia en Lourenzá a través da celebración do Samaín en Paco e as pantasmas, deseñou unha exposición de carteis sobre o autor -premiada pola Consellería de Educación- e realizou unha pequena adaptación teatral sobre a súa vida que se puxo en escena co gallo da presentación da Primavera das Letras 2023 neste mesmo colexio.

Representación teatral do CEIP Juan Rey de Lourenzá sobre a vida do autor das Letras Galegas 2023

A comunidade escolar do CEIP Juan Fernández Latorre levou a cabo a actividade titulada Espallando as Letras polo barrio, unha iniciativa que implicou a veciñanza do barrio coruñés do Castrillón con moi boa acollida. Os nenos e nenas repartiron nos establecementos comerciais, a biblioteca municipal, as escolas infantís ou o centro de día reproducións de textos de Fernández del Riego ilustrados por eles mesmos. Cadaquén escolleu o seu favorito entre unha escolma que abrangue dende fragmentos nos que o autor fala da Torre de Hércules e o outeiro e o val de Elviña ata anacos da súa única novela publicada, O cego de Pumardedón, ou a obra divulgativa A pesca galega de mar a mar.

Os cativos e cativas de 5º e 6º de primaria do CEIP da Espiñeira–Aldán animáronse a levar á escena a obra teatral As cousas de don Paco, a proposta biográfica de Eva Mejuto, con ilustracións de Lucía Cobo, para a Primavera das Letras 2023. Durante a semana das Letras Galegas o alumnado de todos os niveis foi ademais completando un álbum de cromos baseado nos personaxes da obra nunha actividade concibida para animalo a empregar decote o galego. A elaboración dunha creación plástica con frases chegadas dende as aulas en defensa do idioma propio e mais a adaptación do tema "Terra" das Tanxugueiras, desta volta titulado "Fálame galego", completan a programación especial.

Alumnado do CEIP da Espiñeira-Aldán representando As cousas de don Paco