'Toponimízate' continúa este xoves en Noia e visitará este mes outras catro localidades

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega hoxe a Noia. Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), impartirá unha charla sobre os topónimos deste concello ás 19:00 horas na Casa da Cultura. A intervención conta coa achega, na parte relativa á orixe e significado do nome do municipio e das súas parroquias e aldeas, do académico correspondente Gonzalo Navaza.

A concelleira de Cultura, Mónica Vilela, e o académico correspondente Xosé María Lema acompañaron a Vicente Feijoo na presentación da charla celebrada en Muxía


A sesión en Noia será a segunda desta semana, tras a charla celebrada onte na biblioteca municipal de Muxía, na que participaron escolares de tres centros educativos. Vicente Feijoo estivo acompañado na presentación polo académico correspondente Xosé María Lema e a concelleira de Cultura de Muxía, Mónica Vilela.

Toponimízate é unha campaña coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e forma parte das actividades desenvolvidas no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".

Alén de profundar no coñecemento dos nomes dos lugares habitados, o público familiarízase coa aplicación colaborativa que permitirá proximamente que a cidadanía participe na preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización.

O calendario de charlas da campaña continuará no mes de decembro en Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo-Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas). Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar. A primeira visita será ao centro de atención a persoas maiores das Neves o próximo mércores, 11 de decembro, ás 11:30 horas.