
Camariñas quedou fóra no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e apenas conta con colaboradores dados de alta en Galicia Nomeada, pero tanto o Concello como a Asociación de Montes A Croa amosaron o seu interese en impulsar a recuperación dos nomes menores do seu territorio e do seu mar. A veciñanza aprenderá na charla deste venres como participar na súa recolla a través da plataforma colaborativa posta en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, que tamén colaboran na campaña Toponimízate. Galicia Nomeada permite, alén de rexistrar os topónimos, anexar imaxes, documentos diversos ou audios coa súa pronuncia, entre outras funcións.
As persoas asistentes coñecerán tamén a orixe e o significado de diversos topónimos que designan a paisaxe cotiá dos camariñáns, unha parte do relatorio que conta coas achegas etimolóxicas do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Un dos nomes máis significativos deste municipio da Costa da Morte é o do Cabo Vilán, un topónimo que na cartografía histórica aparece de múltiplas formas, como Belén, Velem, Bellam, Veillane ou Vilán, e que foi castelanizado en Villano, ao se interpretar como un derivado do latín VILLANO ‘habitante dunha vila’, significado que posteriormente foi ampliado a 'ruín' ou 'persoa que demostra baixeza'. Porén, trátase dun topónimo de etimoloxía controvertida para o tamén se barallaron outras hipóteses como a de relacionalo co adxectivo ou co sobrenome VIL(L)ANUS, un ornitónimo relacionado ave de rapina chamada miñato.