Toponimízate arriba a Poio este sábado á procura de colaboradores de Galicia Nomeada

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra recala este sábado 9 de maio no concello pontevedrés de Poio. O público que asista á charla da campaña de divulgación da nosa toponimia que organiza a Real Academia Galega coa colaboración da Xunta de Galicia coñecerá a orixe e o significado dos principais topónimos do municipio e aprenderá como colaborar na recolla de nomes de leiras, camiños, montes, penas e outros microtopónimos. A cita terá lugar ás 11 horas no salón de plenos do Concello. Estaba previsto que fose na Escola do Campo de Combarro, cadrando co XII Día de Colón, pero esta celebración foi suspendida por mor da choiva prevista para ese día. 

O alcalde, Ángel Moldes Martínez, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, presentarán a charla que impartirá Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Entre outras cuestións, o filólogo explicaralle á veciñanza o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada, que permite que particulares e asociacións participen na recolla da microtoponimia da súa terra. Ademais de engadir calquera nome e xeorreferencialo, dende a aplicación para móbiles ou na versión de escritorio, Galicia Nomeada permite acompañar este rexistro de audios coa súa pronuncia, subir imaxes do lugar ou enviar suxestións sobre a toponimia xa engadida no visor.

O forte desenvolvemento urbano que está a vivir Poio fai necesaria a tarefa de recolla da súa microtoponimia. Esta urxencia é compartida por Claudio Quintillán Vallejo, secretario da Organización Galega de Comunidades de Montes e da Asociación Irmandade Illa de Tambo, quen lle mostrou á RAG o seu interese en levar adiante un proxecto de recolla toponímica en Poio.

Combarro e as formas curvas
A sesión deste sábado contará tamén cunha parte na que se falará dos topónimos que foron obxecto dun novo ditame no Nomenclátor de Galicia 2026 (recentemente aprobado pola Xunta de Galicia), e coa explicación da orixe e no significado do nome de Poio e das súas parroquias. Este apartado conta co apoio na investigación das etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Un dos moitos topónimos dos que falará Vicente Feijoo será Combarro, que Poio comparte con outros sete municipios galegos. O nome provén dunha raíz prerromana moi antiga *CAMB- / COMB- co significado de 'curvo' e que podería facer referencia á enseada ou curva mariña sobre a que se atopa esta localidade.