A edición, que foi realizada baixo o mecenado de Gadisa, Fundación Repsol e Repsol-Refinería da Coruña, conta cunha tiraxe de 30.000 exemplares e será distribuída de maneira gratuíta nos centros de ensino de toda Galicia. Nel colaboran cincuenta académicos, entre membros de número, correspondentes e de honra, que escolleron cadansúa figura homenaxeada ao longo da historia do Día das Letras para achegar a súa particular visión sobre o valor e o significado da súa obra. Desta maneira preténdese espallar o coñecemento das figuras senlleiras da nosa cultura entre un sector da nosa poboación especialmente importante: a mocidade.
En menos de vinte liñas, cincuenta profesores e investigadores achégannos algúns aspectos relevantes dos homenaxeados nestes anos de Letras Galegas. Abre o libro a imaxe da poeta fundacional Rosalía de Castro traída da man da poeta Luz Pozo Garza e a elas danlles continuidade as presentacións dos seguintes homenaxeados. Rodríguez Castelao visto por Xosé Neira Vilas, Francisco Añón por Ana Isabel Boullón, Valentín Lamas Carvajal a través de Víctor Fernández Freixanes, Antón Villar Ponte por Margarita Ledo, Alfonso X por David Mackenzie, Celso Emilio Ferreiro da man de Alba Nogueira ou Luís Pimentel por Olivia Rodríguez son algunhas das propostas.