Un momento do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Fonte: Concello de Ames
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, saúda ao público na apertura do festival.
Fonte: Concello de Ames
A Gramola Gominola durante a súa actuación.
Fonte: Concello de Ames
Os representantes institucionais na apertura do encontro.
Fonte: Concello de Ames
Actuación das Maianas.
Fonte: Concello de Ames
A explanada do pavillón de Bertamiráns acolleu o festival.
Fonte: Concello de Ames
A gran festa do proxecto organizado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames coa colaboración da Xunta de Galicia, que contou tamén coa participación das familias usuarias do programa de dinamización lingüística Apego, arrincou coas palabras de benvida do presidente da Academia, Henrique Monteagudo; o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; a académica María López-Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística; e a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho. O persoal técnico da Academia e do Concello de Ames que traballa no día a día de Modo galego, actívao! tamén participou canda a comunidade educativa amesá nesta tarde de natureza festiva.
O pasado 6 de febreiro remataron as actividades propostas na cuarta edición de Modo galego, actívao! Desta volta participaron arredor de 2.700 alumnos e alumnas que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. O programa de actividades pechou cunha gran foliada en cada centro escolar que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción “Falo galego porque quero!!”, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego.
A cuarta convocatoria volveu a ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación da experiencia. Durante catro semanas, os alumnos e alumnas de infantil á ESO dos 11 centros públicos amesáns asumiron un obxectivo común: falaren galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Os nenos e nenas foron os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico. Este ano como novidade, ademais do alumnado dos centros de ensino, participaron no programa os usuarios e usuarias das escolas deportivas municipais.








