Takekazu Asaka presenta ‘Obra escolleita’, a tradución ao xaponés dunha escolma de textos de Cunqueiro

Takekazu Asaka presentou en Mondoñedo o pasado 19 de xuño Obra escoilleita, un volume no que traduce ao xaponés unha escolma de escritos de Álvaro Cunqueiro. Con limiar de Armando Requeixo e cuberta de Xosé Vizoso, o académico de honra presenta nestas páxinas unha selección de dous poemas de produción temperá, un fragmento en prosa de Merlín e familia e dous textos gastronómicos que amosan a proximidade do autor mindoniense á cultura nipoa.

O académico de honra Takekazu Asaka engade deste xeito unha doa máis á conta do seu extenso labor de achegamento da literatura galega ao público nipón. A nosa gramática, a obra de Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou Ramón Cabanillas, de quen vén de presentar en datas recentes o seu Samos, son outras mostras anteriores do seu compromiso ferreño coa internacionalización da cultura galega.

Takekazu Asaka estivo acompañado na presentación polo profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo, quen amosa no limiar do libro o interese de Cunqueiro pola literatura e a historia do país asiático, tema que tratou en varios artigos e conferencias. Tamén participaron no acto o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero Legide e Manuel Antonio Fernández Piñeiro, director territorial da Consellería de Cultura en Lugo.